Ribadeo, 6 de outubro, 2022. O BNG de Ribadeo sempre prestou moita atención ao mantemento da rede viaria nas diferentes parroquias do concello, así como nos distintos barrios da vila. Temos un número importante de rúas, pistas e estradas locais que artellan o noso territorio e requiren dun singular esforzo para mantelas en condicións. Ben sexa con fondos propios, ben sexa en colaboración coa Deputación Provincial, o BNG de Ribadeo sempre dispuxo a súa acción de goberno cara ao mantemento e renovación da nosa rede viaria e outro tipo de obras públicas de mantemento (como por exemplo, saneamento).
Pero non só queremos destacar quilómetros de aglomerado, senón tamén unha maneira de facer as cousas, unha outra maneira de facer política. A través da acción de goberno dos nosos deputados e deputadas provinciais, propuxemos un criterio obxectivo para realizar convenios de colaboración coa Deputación: o Plan Único de colaboración cos Concellos. Desde que o BNG tivo capacidade de incidir no tema, a maneira de decidir con que concellos se colabora, e a contía de dita colaboración, réxese por criterios obxectivos (por exemplo, poboación ou extensión), e non por coincidencia da cor política de tal concello con tal ou cal goberno na Deputación, segundo a quenda. Esta forma de actuar reprodúcese tamén nas Deputacións da Coruña e de Pontevedra. Onde goberna o BNG hai transparencia.
Ben distinta é a actitude do goberno do Partido Popular na Xunta de Galicia. Aínda que se lle ten demandado en múltiples ocasións que pacte uns criterios obxectivos que permitan optar a todos os concellos en igualdade de condicións e con transparencia ao reparto dos fondos destinados ao mantemento da rede de estradas locais, para o goberno do señor Rueda (e antes co señor Feijoo), e para os deputados e deputadas que o sosteñen, é máis importante apostar por convenios discrecionais que maioritariamente son destinados a concellos afíns. Mesmo despois, á hora de pedir o voto, permítense a licenza de insinuar que a Xunta estaría disposta a amañar todo canto camiño se lle puxese por diante, pero que se non o fai é porque nos concellos que non reciben un can non hai xente que “saiba” pedirllo.
Aínda así, desde o BNG de Ribadeo apostamos por desenvolver programas de mantemento como os que xa levamos á práctica ao longo destes anos, ben sexa con recursos propios e/ou coa nosa influencia noutras institucións para lograrmos criterios obxectivos, transparentes e xustos de colaboración. Ademais, tomamos a decisión de empregar aglomerado asfáltico, de maior calidade, para que as obras feitas fosen de maior duración. Iso si: non ten o mesmo custo un material que outro. Sempre preferimos falar coa veciñanza para que nos indiquen as súas prioridades en cada parroquia.
Nos Plans Únicos de 2019, 2020 e 2021 levamos a cabo obras nas distintas parroquias, tanto de mantemento da rede viaria como outro tipo de instalacións (saneamento, locais sociais, etc.) por valor de máis de 1.330.000 €. Seguiremos con esa vocación de traballo para mellorar as nosas rúas, pistas e camiños, e con esa actitude transparente.
Seguiremos apostando pola rede viaria, e outras dotacións, das nosas parroquias e barrios de Ribadeo.