Os traballos consistirán na recuperación do ecosistema da praia de Arealonga. Para iso está prevista a demolición de estruturas e pavimentos no sistema dunar, a erradicación de especies invasoras, a posterior restauración de especies autóctonas e a protección e posta en valor do sistema dunar
Lugo, 6 de outubro de 2022. A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, informou este xoves que o Ministerio de Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico acaba de sacar a licitación o proxecto para realizar melloras na praia de Arealonga en San Miguel de Reinante, no concello de Barreiros. Ditas actuacións contan cun orzamento de 552.000 euros, enmarcado nos fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.
Isabel Rodríguez lembrou que este proxecto liderado pola Dirección Xeral para a Sostenibilidade da Costa e o Mar ten como obxectivo recuperar e protexer o sistema dunar de Arealonga en San Miguel de Reinante, “dentro da aposta do Goberno pola conservación dos recursos paisaxísticos e medioambientais da provincia”, engadiu.
“Con estas intervencións propoñémonos axudar á recuperación da gran riqueza natural que posúe o concello de Barreiros, que supón un gran atractivo tanto para os veciños e veciñas como para os numerosos visitantes deste municipio”, subliñou Rodríguez.
Os traballos consistirán na recuperación do ecosistema da praia de Arealonga. Para iso está prevista a demolición de estruturas e pavimentos no sistema dunar, a erradicación de especies invasoras que supoñen unha importante ameaza, como é o caso da herba da Pampa, a posterior restauración de especies autóctonas e a protección e posta en valor do sistema dunar. Posteriormente, executaranse novos accesos e melloraranse os existentes. Ademais, o proxecto completarase coa adaptación do edificio de servizos existente para persoas con mobilidade reducida.