O goberno local explica que “o Concello debería achegar 64.000 euros, pero como o Ministerio non actualizou as cantidades coa suba dos prezos, agora tería que aportar preto de 120.000 euros e por iso se replantexou a actuación”
O Concello dirixe máis de 56.000 euros ao acondicionamento deste espazo para o seu uso público coa finalidade de mellorar a súa imaxe e tamén favorecer a accesibilidade para persoas con mobilidade reducida.
As actuacións proxectadas inclúen o desmontado do pavimento empedrado así como dos escalóns do cantón despois dos necesarios traballos previos de seguimento arqueolóxico “tendo en conta que é un lugar emblemático con moitos anos de historia que, precisamente por iso, debemos conservar nas mellores condicións posibles sendo, ao mesmo tempo, útil para os veciños e veciñas de Mondoñedo”.
Tralos traballos de cimentación, o proxecto recolle a construción de muros de granito, a recolocación do pavimento de adoquíns no muro norte e a pavimentación con lousas rectangulares de granito na rampa.
A actuación complétase con outro equipamento coma a colocación de varandas de aceiro na rampa. Así mesmo, serán reparados ou substituídos os faroles colgantes do cantón por outros iguais e tamén se cambiarán as lámpadas por sistemas LED. Os traballos previsto inclúe tamén a retirada dos contedores soterrados.
Aceptar a axuda do Ministerio supoñíalle ao Concello aportar 120.000 euros
A voceira do goberno, Ángeles Rodríguez, explica que “a parte que debería aportar o Concello con fondos propios para aceptar a proposta do Ministerio era nun primeiro momento de 64.000 euros; pero, tendo en conta que o Ministerio non actualizou as cantidades atendendo á suba dos prezos, o proxecto previsto esixía ao Concello facerse cargo de aportar un importe superior aos 120.000 euros. Por iso houbo que replantexar a actuación”.
O goberno local sinala que “esta situación foi explicada debidamente a tódolos grupos con todos os datos”. Nese sentido, lamentan que “o único que pretenda o grupo socialista sexa endebedar ao Concello”.