Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo e a asociación de veciños de San Cibrao lamentan a “nula sensibilidade cultural da Deputación ao non asumir a ampliación do Museo do Mar”

O organismo provincial, que xestiona o inmoble desde o 2003, obviou por completo tanto os acordos plenarios como as peticións cursadas pola veciñanza, nas que se pedía expresamente a súa implicación económica no proceso de ampliación do Museo

Cervo, 26 de outubro de 2022. O Concello de Cervo e a asociación de veciños de San Cibrao lamentan a falta de sensibilidade da Deputación provincial que non asume os custes do proceso de ampliación do Museo do Mar, que xestiona desde que lle fora cedido no ano 2003, cando pasou a integrarse na rede museolóxica dependente deste organismo.

Tal e como explican, a institución provincial leva anos eludindo tanto os acordos plenarios como as diversas peticións cursadas polas veciñanzas para que asuma o compromiso de asumir a ampliación “sen obter resposta algunha”.

Neste senso, cabe recordar que en agosto de 2021 a corporación municipal, aprobou en pleno o seguinte acordo:

Instar á Deputación provincial, unha vez máis, a asumir o compromiso de ampliar o Museo Provincial do Mar, que é da súa xestión, o que require da adquisición do terreo contiguo cuxos costes, tal e como recolle o proxecto encargado polo Concello de Cervo, están estimados en 155.188,14 euros, a fin de conseguir un espazo axeitado para acoller toda a riqueza patrimonial, etnográfica e histórica que atesoura este inmoble.

Esta proposta xa se apoiaba noutros acordos subscritos en anos anteriores, como o que se tomou no pleno celebrado o 26 de setembro de 2007:

Solicitar á Exma. Deputación Provincial de Lugo a adopción dun acordo expresando o seu compromiso firme de asumir os custos do proceso de ampliación do Museo do Mar de San Ciprián, a fin de completar o proceso de redacción do estudo económico preciso para a aprobación definitiva da modificación puntual das Normas Subsidiarias do planeamento na zona do Museo do Mar, en San Ciprián.

Ou a moción presentada en marzo do 2005 polo BNG que saíu adiante cos votos a favor de toda a corporación baixo a seguinte redacción:

O Grupo Municipal do BNG insta á Corporación Municipal a dirixirse á Deputación Provincial para que merque o quinteiro comprendido entre a Rúa do Torno, Paseo Marítimo e Avda. da Mariña (anexo ao Museo do Mar), en San Cibrao-Cervo

É pois unha evidencia -engaden- que a Deputación se nega a apostar polo museo público do mar máis antigo de Galicia, cremos que é inaceptable que haxa bens de gran valor histórico e patrimonial sen ver a luz, polo que desde o Concello de Cervo, aínda que sexa sen o apoio de quen o xestiona, “imos seguir adiante co obxectivo de ampliar as instalacións do Museo en beneficio público e conseguir un espazo adaptado aos tempos e á realidade social”.

Exit mobile version