Viveiro, 17 de outubro, 2022. O Club de Remo de Celeiro leva nos seus xenes unha longa tradición mariñeira dende fai máis de 70 anos cando se fixeron as primeiras regatas. Na actualidade, é o único club da provincia de Lugo de banco fixo que conta con máis de 60 remeiros e remeiras con idades comprendidas entre os 9 e os 69 anos.
Tradicionalmente, o remo era considerado como un deporte exclusivo para os homes pero, hoxe en día, temos unha gran presencia feminina nas nosas embarcacións. Por este motivo, queremos darlle impulso ó remo feminino, especialmente as nosas remeiras veteranas.
Nesta etapa do Club de Remo Celeiro temos varios proxectos sendo un deles o de competir na Liga de Traiñas de Galicia. Entrar nesta competición supón un orgullo para o Club e para o pobo de Celeiro. A nosa intención é facer por primeira vez en Celeiro unha regata de traíñas na que participarían embarcacións de toda Galicia. Ademais, isto sería unha promoción turística e social para a nosa zona e para o noso club.
Este ambicioso proxecto, xunto con outros que a directiva do Club está desenvolvendo, precisan de financiación económica e, para facelos posibles, estamos en contacto con varios organismos públicos como a Deputación de Lugo, o Concello de Viveiro e a Xunta Galicia.