A Federación Galega de Dano Cerebral colabora cos Espazos +60 de Afundación para a organización de 11 sesións informativas en outubro
Así, FEGADACE presenta un proxecto de colaboración cos Espazos +60 de Afundación en forma de ciclo de obradoiros de seguridade viaria e prevención do dano cerebral adquirido. A sesión informativa de Viveiro vai ter lugar este venres, día 7 de outubro, a partir das 17:30, no Espazo +60 de Viveiro (Avenida da Mariña, 49).
Esta serie de sesións informativas organízase en outubro, mes do dano cerebral, co obxectivo de reforzar a prevención dos accidentes de tráfico entre a poboación maior, estendendo a concienciación sobre a dimensión do dano cerebral como consecuencia dos mesmos.
Os obradoiros están dirixidos a persoas de máis de 50 anos e, aínda que a asistencia é libre e de balde, é preciso inscribirse previamente da seguinte maneira:
As persoas socias dos Espazos +60 poden anotarse no seu local de referencia.
As persoas que non son socias poden:
a) Cubrir este formulario de inscrición.
b) Chamar ao 881 943 148.
O ciclo vai ocupar todo o mes con ata 11 sesións informativas en todas as vilas e cidades nas que Afundación dispón de Espazo +60; a relación completa é a seguinte:
Viveiro (07/10/2022 | 17.30 h.)
Vigo (13/10/2022 | 18.00 h.)
Ferrol (17/10/2022 | 18.00 h.)
Pontevedra (18/10/2022 | 18.00 h.)
Lugo (19/10/2022 | 18.30 h.)
A Coruña (20/10/2022 | 19.00 h.)
Ourense (21/10/2022 | 17.30 h.)
Pontedeume (24/10/2022 | 18.00 h.)
Betanzos (25/10/2022 | 17.00 h.)
Monforte (26/10/2022 | 18.00 h.) – Día do Dano Cerebral
Santiago (27/10/2022 | 18.30 h.)
Esta acción de sensibilización forma parte do programa de conmemoracións de FEGADACE con motivo do Día Nacional do Dano Cerebral. Trátase dunha xornada de vital importancia para o movemento asociativo, na que incrementamos o esforzo por dar a coñecer a situación do colectivo e por concienciar á poboación sobre a prevención do dano cerebral.
Ademais da colaboración con Afundación, FEGADACE dispón do financiamento da Consellería de Política Social, dentro dos programas con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF; é dicir, grazas ás persoas que marcan a X Solidaria na súa declaración da renda.
FEGADACE constituíuse en 2007 polas cinco asociacións galegas de dano cerebral: ADACECO (A Coruña), ADACE en Lugo, Alento (Vigo), DCA Ourense e Sarela (Santiago). Xuntas representan algo máis de 2.000 familias. O seu obxectivo é contar cunha plataforma común de interlocución, coordinación e divulgación das necesidades do colectivo de persoas con dano cerebral adquirido, unha discapacidade que afecta a máis de 35.000 persoas en Galicia e que está causada case sempre por un ictus (78% dos casos) ou por un traumatismo cranioencefálico provocado por un accidente de tráfico.