Os nacionalistas levarán ó pleno as demandas da SD Burela con respecto ó campo de fútbol da Marosa
Burela, 5 de outubro, 2022. Este verán presentouse unha nova directiva para o colectivo mais antigo da vila burelá, a SD Burela. Dende o BNG non dubidaron en poñerse en contacto cos rapaces e rapazas que asumiron a xestión, para escoitar as súas principais demandas.
En verbas do voceiro do bloque, Mario Pillado: “Cando nos ensinaron o estado das instalacións comprobamos algo que xa sospeitábamos, as instalacións da Marosa están no mesmo estado que fai décadas. Iso é o que provoca a situación das gradas, que fai que o clube non poda dispoñer dos vestiarios e demais locais que se atopan debaixo dunha delas”.
Continuou Pillado dicindo que “se hai un problema coa licitación de obras e as empresas que se presentan, o goberno local ten que tela capacidade para dar solucións mentres non pode executar a reparación da grada”
O voceiro nacionalista tamén comentou que “tamén nos fixeron chegar a súa preocupación pola falta de mantemento das instalacións, responsabilidade do concello, que é o propietario das mesmas. Esta situación non é nova, xa insistimos na necesidade de mantemento en numerosas ocasións”.
A falta de planificación a tódolos niveis é o factor común na xestión do goberno local
Mario Pillado, voceiro do BNG, fixo fincapé en que “do mesmo xeito que noutras áreas, como o urbanismo ou a normativa, a falta de previsión por parte do goberno socialista é palpable en canto ás instalacións deportivas. Recibimos continuas queixas en canto á xestión e mantemento doutras instalacións municipais como pode ser a praza de abastos ou en canto a dotación de locais para todo tipo de colectivos”.
O voceiro nacionalista rematou indicando que “a solución para rematar coa improvisación e falta de planificación será dentro duns meses cando se lle poña fin a este goberno. Nese intre será cando a veciñanza de Burela poña a cada un no seu sitio e se vexa un cambio de verdade na vila”