Santiago de Compostela, 13 de outubro 2022. A portavoz parlamentaria de Sanidade, Montse Prado, esixiu a rectificación do Executivo do PP para que as persoas maiores de 80 anos reciban a cuarta dose contra a COVID-19 nos centros de saúde, como se fixo nas anteriores ocasións, en lugar de obrigalas a ir aos vacinódromos.
Prado denunciou que impoñer os vacinódromos xerou múltiples protestas e unha gran contestación entre as persoas afectadas, de tal xeito que, como admitía a propia Xunta o 40% deste colectivo segue pendente da vacina de reforzo contra a pandemia.
“Supón molestias, intranquilidade e gastos económicos para un colectivo que nunha parte importante ten pensións moi baixas, problemas de mobilidade e de dependencia”, alegou a deputada. Prado denunciou que a Consellería de Sanidade “non fai máis que poñer dificultades ás persoas maiores para acceder ao sistema público de saúde, dificultades tecnolóxicas, falta de persoal médico que lles faga seguimento das súas patoloxías e, agora, obrígalles a desprazamentos longos e caros, o que provocou que preto do 40% das persoas maiores de 80 anos aínda non puideran recibir a cuarta dose da vacina”.
Neste sentido, aproveitou para lembrarlle ao Goberno do PP que moitas desas persoas maiores “xa non conducen, polo que teñen que depender de alguén que as traslade ou pagar un taxi de ida e de volta, ademais de agardar un tempo de pé debido ás ringleiras que se acumulan nos puntos de vacinación”.
Prado puxo nome e apelidos ás persoas afectadas por esta decisión da Consellería de Sanidade, persoas como José de 93 anos residente en Boimorto, dependente e que utiliza un andador para desprazarse, precisou de dúas persoas para acompañalo e recibir a cuarta dose da COVID. A deputada do BNG tamén fixo mención ao caso de Rosalía, veciña do Caurel, que tivo que pagar 70 euros polo taxi e hora e media de percorrido até o vacinódromo, “70€ son o 10% da súa pensión agraria”, denunciou.
Na súa conclusión, a parlamentaria nacionalista demandou ao Goberno do PP que “deixe de someter ás persoas maiores á incerteza de non saber cando, como e onde van ser vacinados” e reclamou “unha rectificación” para que a cuarta dose se aplique nos centros de saúde, “pensando nas e nos maiores, nas súas necesidades e non nos titulares de prensa”.