A frente nacionalista reclama a elaboración dun estudo para avaliar a perigosidade e redactar un proxecto de mellora
Madrid, 14 de outubro de 2022. O Bloque Nacionalista Galego denuncia a pasividade do Goberno do Estado ante a perigosidade nos accesos da N-640 desde a LU-P-5503 e a LU-P-550 após recoñecer, nunha resposta por escrito a preguntas realizadas pola frente nacionalista, que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana non se encargará das obras. O deputado nacionalista, Néstor Rego, sinala que o Goberno do Estado está eludindo as súas responsabilidades ante as queixas e denuncias reiteradas por parte da veciñanza e reclama ao Goberno iniciar as actuacións necesarias para garantir o tránsito seguro das persoas nestes accesos.
O deputado do BNG rexistrou preguntas no Congreso para que o Goberno do Estado explicara as actuacións previstas para mellorar a seguranza nos accesos á nacional. A iniciativa nace despois de que, no 2013, a veciñanza de Santa Comba de Órrea, no Concello de Riotorto, comezara a pór en coñecemento da Xefatura da Unidade de Estradas do Estado en Lugo o mal estado dos accesos da N-640 desde a LU-P-5503 e a LU-P-550.
“A asociación de veciños e veciñas trasladaba a preocupación xeral polo perigo na entrada e saída destas dúas vías á N-640, titularidade da Administración Xeral do Estado. Reclamábase que se iniciasen as xestións necesarias para que o citado acceso fose reformado de forma que se puidese facer un uso seguro do mesmo nos dous sentidos da marcha” explica o deputado nacionalista. Con todo, a asociación non recibiu resposta a ningún das súas comunicacións e peticións.
O BNG, ante a falta de información e a opacidade do executivo, recolleu esta demanda veciñal e trasladouna ao Ministerio para coñecer as previsións de actuación neste acceso e reclamar a súa mellora para garantir o tránsito seguro das persoas que circulan por este tramo. “A nosa sorpresa é que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana responde abertamente afirmando que non se encargará das obras para mellorar os accesos. Isto constitúe unha clara elusión das súas responsabilidades” denuncia Rego.
“O Goberno do Estado debe levar a cabo un estudo para coñecer as malas condicións dos accesos e redactar un proxecto para a adecuación e mellora da seguranza nos mesmos” demanda o deputado do BNG.
De facto, circulando en sentido A Pontenova, a saída da N-640 cara ás vías antes referidas, titularidade da Deputación, é sumamente perigosa, dado que o ángulo pechado que debe tomarse obriga a parar o vehículo por completo, o que incrementa o risco de colisións ou alcances traseiros. Pola súa banda, tamén se informaba de que no caso da circulación en sentido Meira, “a sinalización non permite a saída da N-640, para tomar o acceso a esas dúas estradas provinciais, o que obriga a continuar a viaxe até atopar un lugar onde poder cambiar o sentido da marcha”.
Ademais, no caso da incorporación á N-640 desde o punto en que se unen ambas as estradas, obrígase á realización de manobras igualmente perigosas, pois non existe ningún carril de incorporación ou illa que facilite o acceso. “O proxecto debe incluír o pintado dunha illa cos correspondentes desvíos, como xa se previu noutros desvíos en nesta mesma vía, así como a inutilización en parte do carril de adiantamento de subida para facer posíbel a saída cando se circula en sentido A Pontenova – A Órrea” finda.