Viveiro, 3 de outubro, 2022. O abastecemento e saneamento de Viveiro é un servizo fundamental que o Concello de Viveiro debe xestionar e manter en óptimas condicións. Nos últimos anos, o BNG denunciou a continua suba das taxas, o deterioro paulatino da rede de abastecemento e a moi deficiente depuración de augas residuais. Isto vén provocando cortes no servizo practicamente semanais, perdas económicas, o malgasto dun ben fundamental e escaso como a auga e anos de vertidos na ría. Por este motivo, o BNG solicitou documentación ao respecto deste servizo o 28 de xuño de 2021 e reiterou o requirimento o 27 de marzo de 2022, sen obter resposta. Este oscurantismo do Goberno Municipal impide o acceso á información que afecta a toda a veciñanza e resulta precisa para o traballo deste grupo municipal.
Polo exposto, solicitaremos no vindeiro pleno:
. Que o Goberno de María Loureiro dea explicacións das continuas roturas da rede principal de abastecemento que se están a producir na zona de Landrove e Magazos, o custe económico que supón e por quen é sufragado, así como o establecemento de medidas correctoras urxentes e definitivas.
. Que dea cumprimento ao establecido no ROM para o acceso á información (Art. 62) e facilite o acceso á documentación:
-Calquera informe dos servizos técnicos municipais que supervise, rexistre e controle as incidencias do servizo de saneamento e abastecemento e propostas de medidas correctoras.
-Acceso aos expedientes das obras executadas a costa da concesionaria do servizo de augas acordado na addenda de abril de 2008 e vixente ata 2033.
-Informe económico solicitado o 24/01/2020 ao Servizo de Cooperación cos Concellos da Deputación de Lugo que avalíe o equilibrio actual económico-financieiro da concesión.
-Importe ingresado pola concesionaria (mediante taxas ou subvencións) e custes de explotación do servizo na última anualidade.
-Proxecto de explotación da nova EDAR de Celeiro, para poñela en funcionamento en canto sexa recepcionada.