Viveiro, 25 de outubro, 2022. A veciñanza da rúa Calvario na Misericordia, intervirá no pleno de novembro con todos o dereitos ao non poder intervir no anterior por presentar a súa solicitude fóra de prazo. Un malentendido por parte do BNG no Regulamento Orgánico Municipal, ao confudir a solicitude para intervir nun punto que aparece na orde do día, na que bastaría con 1 día antes, coa solicitude de intervir agregando un novo punto, na que se precisarían de 10 días hábiles.
A alcaldesa aproveitou este malentendido, di o BNG, para atacar nun procedemento que nunca se fixo antes nun pleno de Viveiro, denominando este erro como “artimaña política” na prensa sen contactar antes coa formación nacionalista nin coa veciñanza para avisar do descuido.
Míriam Bermúdez indica que se trata dunha “confusión mínima nos tempos no que xa pedimos desculpas, pero que tampouco ten tanto problema. Os veciños da Misericordia presentaron un escrito para intervir no pleno, se nun pleno vai fóra de prazo pois pasaría directamente para o seguinte.”
Ao BNG dalle igual que sexa un pleno ou noutro, o único importante é poder axudar nesta necesaria reivindicación da veciñanza, aínda que mellor sería para eles que fose canto antes. O problema de seguridade pública segue aí, cunha veciñanza sen servizos básicos por mala xestión nun tema urbanístico totalmente subsanable.
Míriam Bermúdez pídelle á alcaldesa que “para a próxima, se volve haber algunha confusión parecida, avise ao BNG ou veciñanza antes de atacarnos por prensa sen saber o porqué.