O BNG de Ribadeo esixe da Consellaría de Sanidade e do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que os nosos maiores se poidan vacinar da gripe e da Covid nos seus centros de saúde. Deste xeito poderían aforrarse un feixe de molestias tanto elas como as persoas que os teñen que acompañar. Esta actitude neglixente da Xunta de Galiza vai supoñer un alto custo tanto para a tranquilidade das persoas maiores, como para a nosa economía. Boten conta das horas de traballo que van ter que solicitar quen as acompañen a Burela para vacinarse tanto da Covid como da gripe.
No seu afán desmesurado por centralizalo todo e ir baleirando de contido os centros de saúde, o goberno da Xunta, co apoio incondicional dos deputados e deputadas do PP que o sustentan, de novo vai cometer unha das súas habituais falcatruadas contra o sistema sanitario público galego: no canto de optar por unha campaña de vacinación achegada aos diferentes centros de saúde que facilite a mesma, prefiren desprazar a xente de xeito masivo cara ao Hospital Comarcal de Burela. É tal a carraxe que teñen das imaxes do colapso dos centros de saúde, que eles mesmos provocaron, que agora fan as cousas do revés, polo seu propio interese, con tal de dar a sensación de que hai total normalidade neles.
Se optasen por distribuír, nos diferentes centros de saúde, o persoal que vai realizar a vacinación, planificando a citación ao longo de varios días, evitaríamos a molestia do desprazamento durante toda unha mañá. Non esquezamos que se trata de xente que, aínda sendo autosuficiente, ten a saúde máis ou menos delicada e, en grande número, non teñen transporte propio. Pero tampouco debemos esquecer as persoas que deben acompañalas, que requirirán dun permiso laboral para poderen levar os seus familiares a vacinárense. Alguén calculou o custo social destes permisos? Á consellaría de sanidade quizás lle saian as súas contas, pero ignorando o custo en horas de traballo no mundo laboral. Ademais, aquelas persoas maiores que non teñan quen as acompañe, deberán facer un gasto a maiores en taxi para ir até Burela. Pero iso, á consellaría de sanidade tanto lle ten.
Temos que defender a sanidade pública, pois nesa defensa váisenos calidade de vida, e, ás veces, a mesma vida. Cada vez que precisamos do seu uso a través dunha hospitalización ben que nos decatamos do importante que é dispoñer dun sistema sanitario público de calidade. Pero tamén en detalles coma este se nota quen defende o público e quen está para amolar (canto máis, mellor). Concentrar servizos é complicar a vida da xente innecesariamente. Se até o de agora se facían estas campañas de vacinación nos centros de saúde, por que agora as centralizan? Non é que algúns servizos teñan que ser centralizados polo seu alto custe e a imposibilidade de atender todas as doenzas en todos os hospitais comarcais; é que soñan con centralizar, con ir suprimindo servizos para que, cada vez máis, predomine a sensación de que non é posíbel unha sanidade pública de todos e para todos. En detalles como o desta campaña de vacinación da gripe e da Covid ben se lles nota que seguen obsesionados con centralizar e, ás agochadas, privatizar.