A formación nacionalista tamén impulsou un acordo en defensa dos montes veciñais en man común
Lugo, 25 de outubro de 2022. O BNG segue a poñer os servizos ferroviarios na axenda de prioridades de investimento en infraestruturas na provincia. A formación nacionalista, que nos últimos meses ben recollendo apoios para esa demanda na rúa coa campaña Lugo Quere Tren, logrou este martes o respaldo do Pleno provincial – votos a favor do PSOE e abstención do PP-a unha moción que recolle as principais demandas da provincia nesta materia.
A proposta esixe ao goberno do Estado a modernización completa e urxente da vía entre Lugo-A Coruña, a implantación da conexión directa entre Lugo e Compostela a través do estudo da variante entre Curtis e Ordes de 27 Km, a dotación dos recursos humanos, especialmente maquinistas, necesarios para garantir o servizo tanto nas conexións ferroviarias desde Lugo e desde Monforte, como no antigo FEVE e a ampliación das frecuencias para garantir un servizo de calidade que responda ás necesidades da poboación e fomente o uso do tren coma servizo de proximidade fronte ao uso do vehículo particular.
Tamén insta á Xunta de Galiza a demandar a transferencia das competencias en materia ferroviaria para poder desenvolvermos un tren galego de proximidade e a iniciar os traballos e estudos necesarios para a súa planificación e posta en marcha.
O voceiro nacionalista Efrén Castro lamentou que “o Orzamento Xeral do Estado para 2023 deixe de lado a necesaria mellora das infraestruturas que necesita Galiza e que, un ano máis, Lugo siga á cola nos investimentos, especialmente no ferrocarril” e destacou que “a moción pide respaldo institucional para unha demanda que é un clamor”.
O BNG , que nos últimos meses recolleu máis de 4.000 sinaturas das veciñas e veciños de Lugo para pedir un compromiso real do goberno do Estado cos servizos ferroviarios en Lugo, ten convocada para o venres 28 de outubro unha manifestación en demanda dun ferrocarril digno para Lugo. A manifestación partirá ás 20.15 da Praza Maior e rematará diante da Subdelegación do Goberno.
A iniciativa do BNG, o Pleno provincial tamén aprobou -con votos a favor do PSOE e en contra do PP – unha proposta de goberno en apoio aos montes veciñais en man común que demanda á Xunta de Galiza recoñecer a propiedade veciñal como unha forma de propiedade máis, distinta e en pé de igualdade coas titularidades públicas e privadas.
Nesa liña, recolle as demandas que formula a ILP presentada no Parlamento pola Organización Galega de Comunidades de Montes, encamiñadas a blindar a propiedade veciñal fronte a ameaza de privatización. Así, proponse considerar a veciñanza como único requisito para ser titular destas terras comunitaria, impedir todo tipo de expropiación dos montes veciñais, considerar como aproveitamentos e usos dos montes veciñais todos os que se produzan nos mesmos ou proporciona capacidade de decisión da veciñanza comuneira para pór en valor as súas terras comunitarias.
A deputada nacionalista e responsábel de Medio Rural no goberno provincial, Mónica Freire, demandou “a protección e reforzo deste modelo de propiedade , referente de traballo comunitario” e sinalou a importancia “desta figura, na que se encadra unha cuarta parte da superficie galega, no desenvolvemento de políticas de xestión forestal e de prevención dos lumes”.