Site icon Crónica3.com A Mariña

O Alcalde de Foz demanda a Castiñeira que “trate con respecto a usuarios e traballadores da residencia e que non xogue con eles”

Foz, 28 de outubro de 2022. O alcalde de Foz, Fran Cajoto, pide “respecto e un mínimo de dignidade” ao voceiro do Partido Popular, Javier Castiñeira, que trata de “infundir medo aos traballadores e usuarios da residencia de maiores”.

“No goberno municipal estamos fartos das falsas aseveracións do voceiro do Partido Popular, o señor Castiñeira. Aproveitou o debate dunha modificación do expediente da licitación do Servizo de Axuda no Fogar no pleno deste xoves para, unha vez máis, tratar de infundir medo aos traballadores e aos usuarios da residencia de maiores e centro de día de Foz”, manifesta Fran Cajoto, quen de forma rotunda recalca que “xestione a residencia o Concello de Foz ou a Xunta de Galicia, que é a quen lle corresponde, os traballadores teñen o seu dereito de subrogación asegurado e os usuarios van continuar aquí”. O alcalde aclara que “a situación é que no mandato municipal de Castiñeira asinouse un convenio coa Xunta de Galicia para que o Concello xestionara a residencia, convenio que remata en xaneiro e no que non se prevé ningunha prórroga máis alá dos catro anos. A Xunta ten que licitar o servizo, ten que exercer as súas competencias e o señor voceiro do Partido Popular debería deixar de lavarlle a cara á Xunta”.

O Concello de Foz informa que en novembro do 2020 levouse a pleno a ampliación dos dous anos previstos por contrato para o máximo de catro que marcaba o convenio. Acordouse por unanimidade do pleno, incluído o voto favorable do señor Castiñeira, “que unha vez rematada a prórroga autorizada mediante o presente acordo e finalizada a vixencia do Convenio de Colaboración entre o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e o Concello de Foz para a xestión do fogar residencial e centro de día do Concello de Foz, o servizo de Residencia e Centro de Día de Foz pasará a ser asumido polo citado consorcio. Os usuarios van pagar no Consorcio como máximo o 80% da súa pensión, non sei que problema lle ve o voceiro do Partido Popular”.

“Estamos absolutamente indignados coa forma de proceder do voceiro do PP, instalado nunha espiral de intento de sabotaxe ás accións do goberno. Non só denunciou e intentou bloquear no xulgado a encomenda a Tragsa para o aglomerado do cemiterio de Foz, que agora poden desfrutar veciñas e veciños, senón que continúa atrancando todo o que teña que ver coa Xunta de Galicia. Non nos axudou tampouco, aínda que llo pedimos en varias ocasións, coa tramitación ante Augas de Galicia da legalización da captación de Cordido; non lle interesa o máis mínimo”, explica Cajoto.

“No goberno estamos profundamente preocupados coa falta de capacidade da residencia de Foz, trasladámosllo á Conselleira de Política Social e Xuventude en diversas ocasións. No mes de agosto deste ano tiñamos 124 persoas en lista de agarda, cando na residencia só dispoñemos de 40 prazas. Isto significa que se nos apuntamos hoxe na lista de agarda da residencia, teremos que esperar de media 25 anos para obter praza. 25 anos! Se solicitamos praza con 75 anos entrariamos ao cumprir os 100. Necesitamos de forma urxente unha ampliación das instalacións, cuadriplicar a súa capacidade. Este é o gran drama e o gran problema da residencia de Foz”, remata o alcalde.

Exit mobile version