Na súa última reunión o Grupo de Participación Adolescente elaborou un díptico coa finalidade de dar a coñecer a súa labor, ao tempo que animan a todas as mozas e mozos da vila a unirse a elas e eles no seu segundo ano de vida.
“É unha plataforma a través da que traballar e defender os Dereitos da Infancia. Un espazo no que se lles da voz, e que serve ademais para que dende o Concello se poida atender as súas propostas e demandas, dando resposta ás súas necesidades e intereses”, destaca Victoria Baamonde, concelleira de Benestar Social do Concello de Viveiro.
“Ao mesmo tempo as rapazas e rapaces aproximanse á política local, galega e estatal, e tratan de facer as súas aportacións como un medio para lograr cambios, atendendo aspectos relevantes para elas e eles ”, engade a edil.
Neste senso, entre as próximas actividades previstas polo Grupo de Participación Adolescente, está a súa Participación no X Foro de Participación Infantil no Parlamento de Galicia, no marco do Día Mundial da Infancia o próximo 15 de novembro xunto a outros 11 grupos mais da comunidade autónoma.