PASCUAL VEIGA E A ALBORADA GALEGA
Mondoñedo, 1 de outubro, 2022. Compositor e director de orfeóns, naceu en Mondoñedo en 1842 e converteuse nunha das figuras máis representativas do Nacionalismo Musical Galego. Foi compositor precoz, neno de coro na capela de música da catedral mindoniense onde tivo como primeiro profesor ao mestre de capela José Pacheco iniciándose na interpretación do órgano, para continuar logo en Covadonga e finalmente na Coruña, cidade na que se estableceu en 1864 como organista da Colexiata de Santa María del Campo. Veiga é coñecido na historia musical galega como o principal impulsor dos orfeóns populares. En 1865 foi nomeado vicepresidente da Sección de Música da Sociedade da Fraternidade Xuvenil. A partir desta data funda e dirixe o Orfeón Birgantino que deixará en 1878 e fundará o Orfeón Coruñés. En 1882 creou El Nuevo Orfeón, que pouco despois se chamaría El Eco e o Orfeón Coruñés nº 4.
En 1896 trasladouse a Madrid cando foi nomeado profesor do Conservatorio Nacional de Música. Ao ano seguinte dirixiu o Orfeón Matritense e o Orfeón do Centro Gallego de Madrid . Finou alí en 1906. É autor de música relixiosa e de obras doutros xéneros tamén das Rapsodias Galegas, estas últimas instrumentais, coas que inicia en Galicia o xénero do poema sinfónico, que terá continuidade noutros músicos do século XX. Pero Veiga pasará a posterioridade sobre todo como autor da Alborada Galega e da música do Himno galego, sobre texto de Eduardo Pondal. A ¨Alborada Gallega¨ ou ¨Alborada de Veiga¨ composta para orfeón, estreouse no certame literario e musical convocado pola Sociedade de Xogos Florais de Pontevedra interpretada polo Orfeón Brigantino co título de ¨Estrela coruñesa¨, nome da poesía de Francisco María de la Iglesia sobre a que fora composta a melodía, conseguindo o máximo galardón deste certame. Máis tarde, e xa co nome de ¨Alborada Gallega¨, presentouse na Exposición Internacional de París de 1889.
A recentemente erixida Tour Eiffel foi o arco de entrada á “expo”. Ao outro lado do río, nos salóns do Trocadéro, celebrouse o certame de coros, ao que asistiu como participante o Orfeón Coruñés nº 4, baixo a dirección de Pascual Veiga.
Alí, no salón do pazo, no medio de 1.600 cantantes de diversas formacións de distintos países, estaba o coro diminuído de só 25 voces, que interpretaron 8 composicións, das cales 5 foron do propio Veiga. O presidente da comisión de audicións, o famoso compositor Laurent de Rillé, declara: “A pesar da inmensidade da nosa sala de festas e a pesar do reducido número de cantantes do coro coruñés, foron aplaudidos pola amabilidade das súas voces e a orixinalidade. das composicións”.
Non é de estrañar, imaxinar o París de finais do século XIX, fronte á Tour Eiffel, un prodixio da enxeñería moderna, o efecto que pode provocar un coro galego cantando unha “alborada” .Como resultado, o Orfeón Coruñés nº 4 o primeiro premio e a Gran Medalla de Ouro para Galicia.
Dende o momento da súa composición ‘A Alborada’ foi considerada a máxima representación dos sentimentos galegos, pasando a ser unha das pezas musicais galegas máis populares, ben sexa na súa forma coral e cantada ou na súa execución unicamente instrumental, sendo interpretada en multitude de festas, romarías e actos públicos, acadando a consideración de segundo Himno de Galicia.
Xa o poeta CURROS ENRÍQUEZ a denomina ¨La Marsellesa popular¨ , pange lingua druídico e tesoro y música celeste, e así o reflexa no seu poemario AIRIÑOS DA TERRA (La Habana, 1907)
“LA ALBORADA” DE VEGA“ Esa celeste música que os regala la oreja, que os alegra el alma y arrulla al corazón, es, trocada en moza, una Alborada vieja que tiene cuatro mil años o más de tradición…
A versión que hoxe presentamos é unha adaptación escrita polo músico lucense Xan Carballal director da Escola Municipal de Música O Pallarego de Mondoñedo. Esta adaptación está realizada para poder ser interpretada polo Coro Mestre Pacheco, unha formación coral de voces mixtas formada no seo desta escola de música. Como referíamos anteriormente a orixinal está composta para orfeón, existindo diversas versións escritas tanto para gaita ,para piano, orquestra clásica, banda, etc.
O estreo desta adaptación coral faráse o venres 14 de outubro durante o acto do pregón das San Lucas, que dará comezo arredor das 20:30 horas no auditorio Pascual Veiga de Mondoñedo