Site icon Crónica3.com A Mariña

Máis de 1.000 nen@s participan este mércores no Correlingua co apoio do Concello de Viveiro

Viveiro, 5 de outubro de 2022. A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, deu hoxe a benvida aos máis de 1.000 rapaces e rapazas da comarca da Mariña que participan na Festa Correlingua 2022. Tamén asistiu ao evento a nova concelleira da Corporación, Mª del Carmen Franco Díaz, que se incorporará como responsable de Educación do Goberno local.

Esta festa, que reúne á cativada de Infantil, Primaria e Secundaria busca sensibilizar á sociedade sobre a importancia de defender a lingua galega. O acto, baixo o lema “Fálame!”, contou con Fran Rei como presentador e coa actuación de Pauliña. Ademais, Paula Ferreiro, coordinadora de Correlingua na Mariña e secretaria comarcal da CIG-Ensino, tamén asistiu ao acto.

A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, confirmoulles á rapazada o seu obxectivo de “seguir traballando para garantir que crezades en lingua galega”. A rexedora aproveitou para recordar “aos que vivides en Viveiro que na vila temos moitos espectáculos dirixidos a vós en lingua galega, ademais dunha biblioteca municipal chea de libros no noso idioma”.

O Correlingua é unha proposta de carácter lúdico, educativo e reivindicativo que pretende convidar a mocidade e os centros de ensino a participar nun acto público de reivindicación do dereito de crecer en galego, e tamén a exercer de maneira efectiva como galegos e galegas a través do uso do idioma, única forma de garantir o seu futuro.

O Concello de Viveiro comprometeuse coa celebración desta cita, axudando na organización e facilitando unha carpa para o evento. Ademais, a Asociación Cultural Correlingua conta coa axuda loxística da AS-PG, a Mesa pola Normalización Lingüística e a CIG–Ensino. Tamén colaboran diferentes entidades como as deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra, ademais de varios concellos, como xa se citou o Concello de Viveiro.

Concretamente participou o alumnado do IES Monte Castelo de Burela; CEIP de Cervo; CEIP de Vicedo; Colexio Plurilingüe Sagrado Corazón de Jesús, de Ribadeo; IES Illa de Sarón, de Xove, e dos seguintes centros de Viveiro: IES María Sarmiento; CEIP de Celeiro; IES Vilar Ponte; CEIP de Covas; CEIP Lois Tobío, Escola Infantil San Roque de Viveiro e CPR. Plurilingüe de Landro.

Exit mobile version