Burela, 10 de outubro, 2022. Desde a Plataforma sanitaria da Mariña queremos denunciar a situación vergonzosa que se viviu esta fin de semana no Hospital da Mariña, onde comezou a campaña de vacinación de gripe e covid para maiores de oitenta anos.
A situación foi realmente esperpéntica, con persoas maiores con bastóns, muletas ou cadeiras de rodas, agardando durante máis de media hora para acceder á vacinación de pé, sen un lugar onde sentarse (agás os poucos que conseguiron unha cadeira de rodas).
O Sergas e o goberno da Xunta sigue a alonxarse da xente ao programar as vacinacións lonxe dos seus centros de saúde, onde clásicamente se efectuaron as campañas de vacinación de gripe. “Non somos capaces de comprender esta decisión mal planificada e que obriga aos maiores a desprazarse lonxe do seu centro de saúde, sen un transporte público axeitado.” Esta decisión do goberno da Xunta non fai máis que reflectir a cortiña de fume que queren poñernos diante fos ollos para, que non nos decatemos da situación insostible e caótica na que deixaron á Atención Primaria, sen persoal e sen medios. “Máis non se pode seguir a enganar por máis tempo aos veciños e veciñas da Mariña”, conclúe Montse Porteiro, coordinadora do colectivo