Site icon Crónica3.com A Mariña

Formoso en Vilalba: “A primeira viaxe de Rueda debera ser a bruxelas para “defender os intereses d@s galeg@s diante do veto á pesca de arrastre”

O líder do PSdeG subliña que “compartimos a obriga de estreitar os lazos cos galegos e as galegas no exterior, pero neste momento hai outra prioridade”

Vilalba, 15 de outubro de 2022. O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, advertiu hoxe en Vilalba que “a primeira viaxe de Rueda debera ser a Bruxelas” para “defender os intereses dos galegos e galegas” afectados polo veto á pesca de arrastre. Puntualizou sen embargo que “compartimos a obriga de calquera representante político galego de estreitar lazos cos galegos e galegas no exterior”.

Formoso fixo unha valoración así da viaxe do presidente da Xunta a Iberoamérica, e advertiu que neste momento “hai outras prioridades”. Afeoulle que non seguira o exemplo do presidente de Andalucía e do propio Formoso cando se desprazou hai xa semanas ata Estrasburgo para manter un encontro cara a cara co comisario de Pesca, Sinkevicius.

Lembrou que el mesmo lle trasladou ao comisario o “malestar da pesca galega e a innecesariedade de aplicación” do Regulamento. Este veto, sinalou, “afecta a case o 30 por cento da pesca galega, en portos como os de Vigo, A Coruña, Celeiro, Burela, Ribeira ou A Guarda” para protexer un medio natural que está “perfectamente preservado polos pescadores dende hai décadas”.

Sinalou así que a primeira viaxe dun presidente da Xunta debera ser á capital europea, para “poñer en valor a Galicia diante das institucións comunitarias” e defender os seus intereses fronte ao veto á pesca de arrastre e tamén no ámbito enerxético. Explicou neste sentido que “Galicia ten que liderar dende o ámbito público” o desenvolvemento das renovables “aportando valor ao espazo rural e implicando ás sociedades locais”.

Vilalba

O secretario xeral do PSdeG fixo estas declaracións logo da visita á empresa Champivil, en Vilalba, coincidindo coa conmemoración do Día Internacional da Muller Rural. Salientou que esta empresa, “capitaneada por unha muller galega do rural”, leva décadas “poñendo en valor os produtos da terra, sabendo comercializalos, aportarlles valor engadido de coñecemento e tecnoloxía”.

O líder dos socialistas galegos avogou por “poñer en valor” o traballo destas empresas e “fomentar a figura” das entidades galegas que traballan “creando valor e emprego no rural”.

Exit mobile version