Este espectáculo forma parte da iniciativa “Camino Escena Norte” que consiste nun intercambio cultural entre as distintas comunidades autónomas do norte de España a través das artes escénicas. Deste modo, as compañías teatrais vinculadas ao proxecto de Galicia, Asturias, Cantabria e Euskadi representan os seus espectáculos noutras partes do norte de España.
A iniciativa escolle cada ano os distintos destinos onde representar os espectáculos, sendo escollido Viveiro no circuíto deste ano. “Vaivén Producciones” estará ao cargo da obra deste sábado, un grupo que provén de Euskadi.
“Agradecemos ao circuíto por pensar en Viveiro como un dos puntos do Camino Escena Norte, o que supón un recoñecemento á nosa programación cultural, situando o noso teatro como referente”, explica a alcaldesa, María Loureiro.
Na obra, un grupo de amigas da infancia celebran unha despedida de solteira. Malia o vínculo entre elas, o paso dos anos comeza a notarse. A fin de semana estará chea de segredos agochados, confesións e mesmo un enxame. Respecto deste punto, que dá título á obra, a sinopse afirma que as abellas son os seres que mellor se comunican, algo que parece ser que logran bailando.
“É un orgullo que Viveiro forme parte deste intercambio cultural, no que os artistas teñen a oportunidade de saír das súas comunidades para espallar a súa arte. Agardamos que Viveiro repita como sede no futuro”, sinala a concelleira de Cultura, Lara Fernández Fernández-Noriega.