Site icon Crónica3.com A Mariña

Dous profesores turcos atópanse participando nunha mobilidade Erasmus + en Ribadeo da man de Apaga

Ribadeo, 21 de outubro de 2022. Apaga retomou as mobilidades europeas de alumnado e profesorado desde agora e ata finais de ano, segundo deu a coñecer o presidente da asociación, Álvaro Doural. Dous alumnos realizan prácticas en Portugal e un en Croacia. E ademais esta semana chegaron á Mariña dous docentes turcos que visitarán empresas e centros de ensino tanto en Galicia como en Asturias.

Doural explicou que “estes profesores chegaron hai un par de días. O seu paso por aquí está centrado na visita a centros educativos e a empresas do sector. Xa pasaron por Otelec, que se dedica á electricidade e está no polígono industrial de San Cosme de Barreiros; e realizaron tamén unha visita ao Centro Integrado de Formación Profesional de Avilés e ao IES As Mariñas, de Betanzos. Tanto na cidade asturiana como na provincia da Coruña tamén se achegaron a empresas vinculadas á automoción”.

O presidente de Apaga dixo que “a fin de semana aproveitarémola para ensinarlles as potencialidades turísticas da Mariña. O luns visitarán Astilleros Gondán, en Asturias, e Hermanos Rega e Hijos de Ramón Rubal, ambas en Alfoz. Tamén pasarán por Finca Galea”.

Álvaro Doural engadiu que “o centro do que veñen estes profesores é socio noso desde hai moitos anos e entón imos intentar volcarnos todo o posible. Levan colaborado con nosoutros desde hai anos e precisamente vamos iniciar con eles un proxecto novo, de innovación, no 2023”.

Exit mobile version