Site icon Crónica3.com A Mariña

Daniel Vega: “Todos temos que xestionar orzamento para a reforma do Hospital Asilo de Ribadeo”

O Grupo Municipal Popular xa se preocupa e ocupa deste asunto dende o inicio deste mandato cando demandaron información sobre a herdanza do doutor Moreda e pediron a realización do proxecto

Ribadeo, 4 de outubro de 2022. O voceiro popular, Daniel Vega, explica “no pleno deste xoves tratáronse moitos temas e, todos eles, fundamentais para Ribadeo. O primeiro deles, a reforma do Hospital Asilo: un tema que o Grupo Municipal Popular leva tratando dende o inicio do mandato. Non é de agora, senón que xa naquel momento xa estabamos preocupados e ocupados coa súa reforma. Evidentemente, todos temos que xestionar orzamentos. É a nosa obriga como representantes políticos, representantes públicos”.

Vega indica que “o primeiro que fixemos foi esixirlle ao goberno do BNG que explicara a herdanza do doutor Moreda, algo que tiña moi escondido; pero que consideramos que tiña que explicarlle aos ribadenses. Agora sabemos, despois da venda do piso, que o valor da herdanza do doutor Moreda supón aproximadamente 730.000 euros para dirixir á reforma do Hospital Asilo. Tamén lle pedimos ao goberno local a creación dunha Comisión de traballo sobre este asunto (ao que o BNG se negou) e que redactara un proxecto que concreta perfectamente a reforma integral”.

“Agora toca xestionar orzamento. Aquí non debemos cerrar portas. Todas as administracións deben colaborar, financiar e, en consecuencia, converter en realidade o que todos debemos defender como corporación municipal”, manifestou o popular. “Non pode reinar o individualismo político. Non se debe traballar como partidos políticos, senón conxuntamente como corporación municipal. Debémosllo aos nosos maiores que necesitan un lugar axeitado”. Por iso, “espero que toda a corporación estea á altura das circunstancias”, engadiu. “Todos temos que estar na mesma liña: na da reforma do Hospital Asilo”, subliñou.

Outro dos temas importantes para Ribadeo abordado no pleno foi o pago de facturas. Os populares esixen ao goberno do BNG “pagar en tempo e forma as facturas pendentes como en tódolos Concellos. Ribadeo leva un atraso considerable e tamén na devolución das fianzas que depositan empresas que realizan traballos no noso concellos. Non se pode levar un atraso dende o 2020, algo que ocorre só neste concello. As empresas xa se plantean se traballar neste concello”.

Daniel Vega reitera a petición do Grupo Municipal Popular ao goberno do BNG para que teña “Ribadeo limpo” que é “o Ribadeo que queremos todos como pobo turístico. Os nosos veciños teñen que ter os contedores e as papeleiras limpas. Non se poden ter fontes ou farolas destrozadas como ocorre nas praias e tampouco pode ocorrer que estean as rúas sen baldear e haxa problemas de ratas no casco histórico. Esixímoslle ao goberno local que se poña a traballar, que non se preocupe tanto da oposición; senón de solucionar os problemas que lle trasladan a diario os veciños de Ribadeo”.

Acordo unánime para dedicarlle un espazo público a Víctor Moro
O popular destacou tamén que “foi un pleno onde conseguimos acordos; xa que se aprobou unha moción do noso grupo coa que pediamos que se lle dedique un espazo público a Víctor Moro, tal e como nos demandaron moitas persoas”. Tralo acordo unánime polo que Vega traslada o seu agradecemento “tanto ao BNG coma ao PSOE o seu respaldo. Agora imos buscar entre todos ese espazo público que nós defendemos que sexa preto da ría de Ribadeo porque Víctor Moro foi un gran economista, político e empresario; pero tamén defensor do nome da Ría de Ribadeo”.

“Cremos que foi un pleno fructífero. Debemos traballar todos como corporación sen individualismos; senón traballando por Ribadeo, que é o que importa”, conclúe Vega.

Exit mobile version