Site icon Crónica3.com A Mariña

Comezou en Ribadeo o programa de formación Galegas Dixitais

Ribadeo, 19 de outubro de 2022. Esta semana deu comezo na Casa do Concello de Ribadeo a primeira acción formativa do programa Galegas Dixitais, que busca mellorar as competencias dixitais das mulleres residentes en municipios de menos de 30.000 habitantes.

Máis de 20 mulleres desempregadas ou en situación de mellora de emprego cursan o primeiro dos tres bloques formativos do programa: Competencias dixitais básicas, de 40 horas de duración.

Durante as dúas próximas semanas, en horario de 9 a 14 horas, as alumnas recibirán formación dixital inicial sobre contidos como o uso básico do sistema operativo, xestión de arquivos, tratamento da información, procura da información, correo electrónico ou seguridade informática.

Unha vez superado este módulo, as alumnas realizarán a continuación os dous bloques seguintes, Competencias dixitais avanzadas e Competencias para o emprendemento, tamén de 40 horas de duración cada un deles.

Dende a Área de Desenvolvemento Local do Concello o seu responsable, Pablo Vizoso, valora positivamente que “gran parte das alumnas participantes en accións formativas similares impartidas polo Concello a principios deste ano, dentro do Programa Ribadeo Suma Emprego, poidan sumarse agora a este novo proxecto, organizado pola Consellería de Emprego e Igualdade, e financiado pola Unión Europea, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. A formación será impartida por Be Project Consultores”. O edil ribadense asistiu ao arranque desta actividade.

Ao remate do programa completo, a principios de decembro, as persoas participantes recibirán un título oficial acreditativo, ademais do equipo portátil co que realizaron o curso, co obxectivo de que os contidos formativos adquiridos se trasladen á práctica na vida real.

Exit mobile version