As medidas en materia de eficiencia enerxética, o control ecolóxico de especies invasoras ou a potenciación da senda botánica de Sargadelos, son algunhas das medidas que contribuíron a que nos fose outorgado este distintivo
Cervo, 21 de outubro de 2022. O Concello de Cervo vén de recibir a Bandeira Verde de Galicia polo seu labor en prol da protección do Medio Ambiente.
A edil responsable da materia, Mali Méndez, desprazouse este mediodía ata Sober, para recoller o distintivo, da man da conselleira de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez; un galardón co que a Xunta de Galicia, por terceiro ano consecutivo, premia e recoñece o esforzo e a implicación dos concellos galegos e da súa veciñanza, na protección dos elementos máis representativos da comunidade: a paisaxe e o patrimonio natural.
Méndez agradeceu o recoñecemento que “sitúa ao noso Concello como referente en materia medioambiental, premiando a estratexia que seguimos desde hai moitos anos a nivel municipal”.
Entre as medidas que contribuíron a que nos fose outorgado este distintivo –explica- están a potenciación da senda botánica de Sargadelos, a xeolocalización de colectores, diferentes medidas en materia de eficiencia enerxética, como a instalación de luminarias LED, a colocación de cinceiros ecolóxicos nos areais ou o control ecolóxico de especies invasoras como a acacia ou os “plumeiros da pampa”.
Méndez puxo de manifesto que este tipo de recoñecementos “anímanos a seguir a traballar na liña na que o vimos facendo, incidindo tamén nas accións de sensibilización e comunicación en materia ambiental, buscando a implicación da veciñanza; “sen a súa colaboración, por suposto, este tipo de recoñecementos non existirían, o premio é de toda a veciñanza de Cervo”.