A presidenta de Acisa Ribadeo, Carmen Cruzado, convida “a galegos e asturianos a que se acheguen esta fin de semana a Ribadeo a saborear as propostas que nos teñen preparadas os bares e restaurantes que se dan cita nestas quintas xornadas gastronómicas Asturias en Ribadeo, coas que queremos render homenaxe á veciñanza asturiana, que durante as fins de semana de todo o ano se despraza a Ribadeo a gozar da súa oferta comercial e hostaleira”.
E engadiu que “o outono é un bo momento para vir a Ribadeo a pasar a fin de semana ou unhas horas degustando as tapas ou os menús elaborados para a ocasión e nos que non faltarán as fabas, o pixín, o cachopo, os queixos asturianos, os chourizos ou a pescada á sidra, o arroz con leite…”.
Os locais participantes nas quintas xornadas gastronómicas Asturias en Ribadeo son: El Rincón del Gordo, Galipizza, La Solana, Queimada, O Indiano, Mareta, A Horta de San Roque, Rosalar, La Bugalla, Goia´s, Delicatés, La Lira, O Alén e O Lar de Manolo. Todas as súas propostas poderán consultarse nas redes sociais de Acisa.
O xerente de Acisa, Jesús Pérez, agradece “a implicación da hostalería asociada nas actividades que organizamos co obxectivo de contribuír á súa dinamización, sobre todo agora que entramos xa en tempada baixa”.