Ribadeo, 25 de outubro de 2022. Pouco máis de 20 días despois do comezo da cuarta edición da campaña da Pancha os clientes do comercio ribadense xa compraron o 35% da moeda local posta á súa disposición para utilizar en máis de 100 establecementos de comercio, hostalaría e algúns servizos de Ribadeo.
A Pancha, que permite un aforro de máis do 33%, está a ter moi boa acollida, ao igual que en edicións anteriores. A súa compra e uso, totalmente dixital, permite adquirir Panchas en calquera momento a través da páxina web www.pancharibadeo.com, onde tamén se atopa toda a información sobre a campaña e sobre os establecementos participantes.
Pódense mercar Panchas en fraccións de 30 euros ata un máximo de 300, polos que se obterán 400 Panchas, co que o aforro total con respecto a anos anteriores tamén se incrementou, pasando de 70 a 100 euros. Non existe un mínimo de compra para poder pagar en Panchas pero si un máximo, que son 130. En caso de ser unha compra por un importe superior, a cantidade restante ata o total deberá abonarse en euros.
O Concelleiro de Economía, Desenvolvemento Local, Comercio e Turismo, Pablo Vizoso, dixo: “estamos moi satisfeitos coa acollida que está tendo esta edición da Pancha, o que está a repercutir directamente e dun xeito moi positivo, tanto nos comercios e establecementos hostaleiros como en toda a poboación que se beneficia do fenomenal aforro que supón a Pancha”.
O edil ribadense asegurou que “observamos tamén as compras coa moeda local estanse repartindo moito entre os establecementos participantes. E percibimos un incremento notable no gasto en alimentación con respecto a outros anos e ademais destacan outras actividades xa clásicas do noso comercio, como pode ser a confección”.
Pablo Vizoso subliñou que “parte do Concello faise un enorme esforzo, un enorme investimento de máis de 85.000 euros de fondos públicos, o que se traducirá en 200.000 Panchas, que ben seguro se esgotarán e que suporán un retorno económico moi superior ao igual que ocorreu nas outras edicións”.
O Concello tamén se pon a disposición de todas as persoas que precisen axuda para facerse co seu Panchapeto e poder aforrar coa moeda local de Ribadeo. En caso de dúbidas poderán chamar por teléfono ou acudir de xeito presencial tanto á Área de Desenvolvemento Local do Concello como ás oficinas de Acisa, entidade colaboradora na campaña.