Site icon Crónica3.com A Mariña

Casares, eurodiputado socialista, respecto da prohibición á pesca de fondo: “Os pescadores non queren subvencións nin indemnizacións, o que queren é saír a pescar”

O eurodeputado socialista insiste no potencial do sector pesqueiro galego e esíxelle á Comisión Europea que suspenda a prohibición e volva avaliar o Regulamento de augas profundas

Estrasburgo, 20 de outubro de 2022. O Regulamento de augas profundas, que entrou en vigor o pasado 9 de outubro e polo que se prohibe a pesca de fondo en 87 zonas distribuídas entre España, Francia, Irlanda e Portugal, volveu a dar o presente na sesión plenaria do Parlamento Europeo deste xoves. Os europarlamentarios socialistas esixíronlle, de novo, á Comisión Europea que suspenda a execución do mencionado regulamento ao impactar negativamente nas comunidades costeiras, estreitamente vinculadas á pesca.

O eurodeputado galego Nicolás González Casares, membro suplente da Comisión de Pesca, referiuse ao sector pesqueiro de Galicia como “o máis potente da Unión Europea” e pediu “respecto pola pesca e pola xente do mar que se está vendo agredida polas decisións da Comisión Europea” adoptadas “sen verdadeiro peso científico”. Casares sinalou “o dano socioeconómico” que implica a aplicación do regulamento e criticou que se lle achaque aos Estados membros a responsabilidade de paliar estes prexuízos coas axudas do Fondo Europeo Marítimo de Pesca e Acuicultura (FEMPA). “Os pescadores non queren subvencións nin indemnizacións, o que queren é saír a pescar”, subliñou.

O socialista esixiulle ao comisario de Medio Ambiente, Océanos e Pesca, Virginijus Sinkevičius, que suspenda o regulamento e o volva avaliar ante un panorama que se presenta “insostible para a xente da pesca”. “A autonomía estratéxica, os produtos sans, saudables e peixes nos mares sostibles europeos”, defendeu Nicolás González, debe ser a aposta da UE e non esa incipiente apertura a uns “produtos pesqueiros e unha importación menos sostible”.

“Fomos ficando sós / o mar o barco e máis nós”, con estes versos do poeta de Rianxo Manuel Antonio, Casares remataba a súa intervención na Eurocámara, alertando da soidade que poden sentir “os nosos pescadores, a nosa xente do mar” se non se paraliza este regulamento e se adoptan medidas que protexan e impulsen ao sector pesqueiro.

Exit mobile version