Site icon Crónica3.com A Mariña

Cadernos da viaxe. “Unha foto que conecta coa maioría”, por Xoán Antón Pérez Lema

A visita da líder do BNG, Ana Pontón, ás instalacións centrais de Inditex en Arteixo sementou lóxica preocupación no PP galego, encaixado nese perfil baixo definido despois da marcha de Núñez Feijóo. Neste senso, foi ben expresiva a reacción do vicepresidente Conde, na súa liña da comunicación pouco xeitosa á que nos ten afeitos. Pola contra, a iniciativa da líder soberanista só recibiu críticas moi illadas dende o ámbito dos seus seareiros. Ficou, logo, ben amosado que a execución dunha política transversal pode conectar coa maioría social sen xerar graves tensións nas bases nacionalistas.

Visitar Inditex e avaliar positivamente o seu liderado empresarial dende Galicia non quere dicir esquecer momentos da historia da multinacional nos que o seu crecemento construise, en parte, sobre o lombo de centos de traballadoras de cooperativas que ficaron fóra da estrutura empresarial despois do proceso de deslocalización da produción ou os efectos negativos sobre ducias de pemes do téxtil galegas-e algunhas empresas máis grandes- ás que o modelo da multinacional botou fóra do mercado. Tampouco supón deixar de incidir, dende Galicia e dende as institucións estatais e europeas, na necesidade de que se evite usar mecanismos legais de elusión (non evasiön) fiscal, que xeran redución da recadación fiscal nos ámbitos territoriais onde se desenvolven as principais actividades de dirección, xestión, produción e vendas.

Inditex pertence ao Ibex 35 do mercado español de valores, mais non pertence aos sectores regulados (banca. construción e concesións públicas e distribución eléctrica) que dependen do BOE (ou, máis ben, o definen). Non pertence ao deep state, senón dos mercados e non dos financeiros, senón dos de bens físicos. Nin Amancio Ortega nin ninguén da multinacional falou nunca contra o aumento do SMI ou contra a renda mínima vital, nin tampouco contra o autogoberno da Galicia ou contra a plurinacionalidade do Estado, como adoito fixeron outros persoeiros do mundo empresarial español.

Ana Pontón, como moi probábel futura presidenta deste País, ten a obriga de coñecer Inditex e de percurar que ésta siga a liderar as actividades da multinacional dende Galicia, relocalizando na medida do posíbel a súa actividade produtiva e desenvolvendo a dixitalización de xeito que contribúa-como xa o está a facer- ao grande salto adiante das empresas tecnolóxicas (TIC) galegas. De xeito, tamén que se aproveite primeiro e desenvolva, despois, o grande potencial das facultades e escolas tecnolóxicas galegas (Físicas e Matemáticas na USC, Teleco na Uvigo e Informática na UDC).

Pensan vostedes que o lehendakari Urkullu ou a first minister Stugeon ían dubidar en manter as mellores relacións de cooperación coa multinacional galega se tivera a súa sede en Euskadi ou Escocia?

Exit mobile version