Nas democracias liberais teñen unha nomeada trascendencia os debates e aprobacións, no seu caso, das leis fiscais e de orzamentos, porque esta caste de actos parlamentarios representan a decisión da cidadanía a respecto dos tributos que se lle van esixir- como se distribúe o esforzo cidadán a respecto do ingreso público- e de como se vai gastar ese diñeiro que ven da cidadanía.
Porén, hai bastante tempo que na limitada democracia española o debate orzamentario non fixa as prioridades de gasto, tendo en conta as amplas facultades do Goberno do Estado para decidir con ampla marxe de discrecionalidade o destino de determinados fondos públicos. E a cuestión faise aínda máis grave no que atinxe ao efectivo investimento dos fondos estatais destinados a Galicia. En realidade, a historia dos sucesivos orzamentos estatais coñece anos nos que os investimentos reais na Galicia acadaron mesmo menos do 50% dos fondos legalmente orzamentados, como escrebiu a xeito Afonso Eyré a primeiros de 2019, cando alcumou de “estafa” esta práctica orzementaria. A situación dende aquela non mudou. De feito, no exercicio 2021 a liquidación efectiva dos investimentos estatais na Galicia acadou só un 67%, fronte ao 184%!!!! de Madrid.
Cómpre, entón, mirarmos máis á lúa da liquidación efectiva ca ao dedo do xogo orzamentario que ano a ano nos enlea e entretén, do xeito que se prioriza e atende nas Administracións locais, que aproban cada ano unha conta xeral de liquidación que esixe aos gobernos locais dar conta do efectivo cumprimento dos orzamerntos perante o mesmo Pleno que os aprobou. Xa que logo, constitúe unha prioridade de hixiene democrática unha reforma do Dereito Financeiro Público que esixa debater nos Parlamentos estatal e galego a liquidación do exercicio ou exercicios (no caso de prórrogas orzamentarias) pendente/s antes do debate do novo Orzamento.
No 2007 e 2008 o BNG, foi consciente do valor dos seus dous deputados para que R. Zapatero puidese aprobar cadanseus Orzamentos. Mais tamén foi consciente das grandes diferenzas entre orzamentar investimentos e liquidalos. Velaí que o seu líder nacional daquela, Anxo Quintana, e o voceiro no Congreso, Francisco Rodríguez, esixiran unha comisión de seguimento para garantir a axeitada liquidación dos investimentos estatais en Galicia legalmente orzamentados. En abril de 2009 accederon Núñez Feijóo á Xunta e José Blanco (PSOE) ao Ministerio de Fomento. Dous meses despois, logo dunha xuntanza privada no Hostal dos Reis Católicos, ambos os dous desactivaron esta Comisión de Seguimento substituíndoa pola súa “relación e sintonía persoal”.
É certo que España nunca cumpre connosco. Mais tamén é verdade que nunca faltan políticos galegos que fan o imposíbel por agochar esta falla de cumprimento.