Arias Fouz lembra que o Goberno Galego destina 1.712 M€ a Lugo, a provincia con maior contía por habitante, e destaca os 174M€ de gastos en políticas sociais
Segundo o delegado territorial da Xunta en Lugo, roza a desvergonza criticar os prazos e as cantidades asignadas a obras como a Ronda Este, o novo acceso na LU-651 a Folgoso do Courel, ou a autovía Nadela-Sarria, cando nos orzamentos do Estado dedícanse cero euros á Autovía da Mariña, á de Lugo Ourense ou ás variantes da conexión ao tren de alta velocidade de Lugo-Ourense. Fronte a este baleiro, a Xunta investirá 100M€ no capítulo de Infraestruturas.
Javier Arias móstrase en desacordo tamén coas críticas de Tomé ao gasto social, cando na provincia ascenderá a preto de 174 millóns de euros. Esta inversión servirá para o funcionamento dos centros propios, o financiamento de prazas asistenciais ou do Servizo de Axuda no Fogar para persoas en situación de dependencia, a Risga e outras axudas sociais. Tamén se contemplan partidas para construír unha nova residencia en Antas de Ulla (case 1,6 millóns) ou para reformar as residencias das Gándaras e da residencia da Milagrosa, en Lugo (3,7 millóns e 800.000 euros respectivamente).
Tampouco comparte as críticas á falta de inversións e actuacións no rural en materia educativa, cando hai decenas de actuacións en marcha, algunhas rematadas e outras en execución, con 31 grandes obras, das que 23 son en centros de municipios rurais, cun investimento de case 17M€. Para o delegado territorial “Tomé ou non coñece ou non se interesou polas máis de 80 actuacións en centros educativos da provincia, entre eles a rehabilitación integral do IES Daviña Rey, en Monforte de Lemos”.