O alcalde focego, Fran Cajoto, informa do avance dos traballos: “as obras foron adxudicadas polo procedemento de contrato aberto á empresa Construcciones Cazás SL en 57.838 euros, cunha baixa dun 3 por cento. Nestes momentos estanse a realizar os traballos de limpeza de marxes e cunetas”.
O rexedor municipal explica que “se vai a proceder ao afirmado con aglomerado en quente de 570 metros de pista en Mourente, en San Martiño. Completamos con esta actuación un eixo que parte de Xinzo, en Vilaronte, e que conecta a estrada autonómica LU-152 a Ferreira coas provinciais LU-P-2001 á basílica de San Martiño e a LU-P-2009 ao Bispo Santo. Deste xeito, ademais de mellorar o acceso ás vivendas nestes viais, facilitamos un acceso cómodo e alternativo de veciñas e veciños de San Martiño e Vilaronte a Foz a través da estrada do Bispo Santo e, cando estea executado o terceiro acceso a Foz, á variante na zona da Veiga da Sara”.
En canto aos viais en Santa Cilla, Fran Cajoto indica: “neste caso imos renovar o firme cun dobre tratamento superficial de rego asfáltico en case 1,5 quilómetros de camiños no Chao e na Folgosa. Trátase de dous viais que empregan a diario moitos veciños e que precisaban un bo arranxo”.
O Concello de Foz informa que, unha vez rematadas as limpezas de cunetas e marxes, procederase na vindeira semana ao comezo dos traballos de afirmado se as condicións meteorolóxicas o permiten.