Gandeirías de ovino, cabrún e porcino e asociacións gandeiras poden optar ás achegas para contribuír á prevención dos lumes
Segundo se establece nas bases, publicadas este venres no Boletín Oficial da Provincia, a convocatoria artículase en dous eixos: un, dirixido a titulares de gandeirías de ovino, cabrún e porcino, e outro, a asociacións gandeiras e federacións de produtores que fomenten o silvopastoreo.
No primeiro caso, Medio Rural da Deputación ofrece achegas para a adquisición ou mantemento de peches para xestionar o manexo e protexer o gando da fauna salvaxe, como pastores eléctricos ou valados de diferentes tipoloxías, así como para os gastos técnicos de deseño e construción doutros sistemas innovadores para o aproveitamento multifuncional do monte e a convivencia do gando coa fauna salvaxe. No segundo, o financiamento vai destinado ao desenvolvemento de accións de formación e asesoramento técnico que fomenten o silvopastoreo preventivo de lumes.
As persoas e entidades interesadas teñen ata o 28 de outubro, incluído, para presentar as solicitudes, dacordo cos modelos publicados no BOP e dispoñibles tamén na web da Deputación de Lugo (www.deputacionlugo.gal), no apartado da área de Medio Rural. O orzamento destinado ás axudas é de 60.000 euros.
Terceira edición dun programa pioneiro
“O que non arde´” é o primeiro programa impulsado pola Deputación de Lugo en relación coa prevención de incendios e a xestión integral do monte. Na súa primeira edición, en 2020, o programa implementouse a través da colaboración cos concellos, que puideron solicitar axudas de Medio Rural para a roza e limpeza das faixas laterais da rede viaria municipal, así como para o mantemento da rede de faixas de xestión de biomasa coa plantación de especies arbóreas autóctonas.
Na pasada edición, a convocatoria orientouse ao fomento do pastoreo preventivo por parte das comunidades de montes veciñais en man común, logrando o mantemento e limpeza de 313 hectáreas de monte en terreos de faixas de protección contra os lumes e na súa contorna.
A iniciativa foi seleccionada entre os tres mellores proxectos de apoio á gandeiría extensiva desenvolvidos desde as administracións locais en España pola asociación non gubernamental de ámbito internacional WWF.