Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta solicita ao goberno ampliar os prazos de tramitación que ten fixados para evitar a caducidade dos permisos de acceso e conexión dos proxectos eólicos

Conde apunta que, desde que o Goberno aprobou en 2020 o decreto de medidas en materia de enerxía, as solicitudes de eólicos en Galicia se multiplicaron por nove —144 parques que suman 4100MW— cuns prazos moi xustos para a súa tramitación 

Santiago de Compostela, 5 de outubro de 2022. O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, solicitou hoxe ao Goberno que amplíe os prazos de tramitación recollidos no Real Decreto Lei 23/2020 para desbloquear os proxectos eólicos pendentes e evitar a caducidade dos permisos de acceso e conexión á rede.

En resposta a unha pregunta no Pleno do Parlamento, Conde apuntou que, desde que o Goberno aprobou en xuño de 2020 o decreto de medidas en materia de enerxía, as solicitudes de eólicos en Galicia se multiplicaron por nove (acadando un total de 144 que suman 4100 MW), cuns prazos moi xustos para a súa tramitación.

Conde asegurou que a Xunta está a favor dun modelo eólico que conxugue todas as garantías ambientais, legais e técnicas de acordo á normativa autonómica, con medidas de axilidade administrativa para ofrecer seguridade e confianza aos promotores. Por iso, pediu tamén ao Executivo central que arquive os 65 proxectos informados negativamente pola Xunta de Galicia por estar fóra das áreas demarcadas no Plan sectorial eólico galego.

Industria electrointensiva
Por outra banda, preguntado pola reindustrialización da Mariña luguesa, Conde referiuse a Alcoa para subliñar que a industria electrointensiva precisa novas medidas para paliar un prezo da enerxía que, para este sector, se multiplicou por cinco desde 2020. A día de hoxe, abondou, a industria de gran consumo enerxético en España paga oito veces máis pola enerxía que en Francia, a pesar do mecanismo da excepcionalidade ibérica.

O vicepresidente económico sinalou que as medidas adoptadas polo Goberno son insuficientes porque a axuda máxima para compensar os custos indirectos de CO2 non chega ao 100% que permite a UE. Tampouco recuperou aínda o sistema de interrompibilidade que teñen todos os países europeos. Nin impulsa os contratos de PPA que estas empresas deben firmar para cumprir co Estatuto de Consumidor Electrointensivo, nin sequera contratos ponte.

Ao respecto, lembrou que a Xunta concedeu á planta de San Cibrao unha axuda de case 1M€ para mellorar a eficiencia enerxética, e promoveu a norma pola que se dará prioridade aos eólicos que destinen, cando menos, un 50% da enerxía á industria asentada en Galicia.

Conde concluíu pedindo ao Goberno o apoio dos fondos europeos Next Generation e defendendo a aprobación de axudas específicas para Galicia.

Exit mobile version