Mondoñedo, 18 de outubro de 2021. O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado dos delegados territoriais da Xunta en Lugo e Ferrol, Javier Arias e Martina Aneiros, participou esta mañá na entrega de premios da gran feira tradicional de gando cabalar, que se organiza no marco da Festa das San Lucas de Mondoñedo.
Alí, o titular de Medio Rural puxo en valor a celebración desta feira, a máis antiga de Galicia e a segunda máis antiga de España, despois da de Medina del Campo, destacando o peso da cabana cabalar neste municipio lugués. De feito, a Consellería do Medio Rural colabora cun convenio de máis de 60.000 euros coa Asociación do Cabalo Pura Raza Galego para desenvolver actuacións destinadas á posta en valor das aptitudes deste animal en actividades deportivas, de exposición e ocio, tal e como se celebran hoxe en Mondoñedo.