A secretaria xeral de Industria, Paula Uría, asegurou que as medidas adoptadas polo Estado son insuficientes pois o prezo da electricidade multiplicouse por cinco desde 2020
Realizou esta petición na Comisión 6ª do Parlamento de Galicia en resposta a unha pregunta sobre as medidas do Goberno central no eido da industria electrointensiva.
A secretaria xeral enumerou unha serie de accións que se poderían aplicar como o incremento da porcentaxe de axuda do 75 ao 100% do custo da compensación de CO2; os mecanismos de interrompebilidade; o esgotamento do total dos ingresos permitidos pola UE para axudar as empresas electrointensivas; ou as poxas de enerxía, entre outras.
Pola súa banda, Galicia está a facer os deberes coa declaración desta industria como estratéxica, coa simplificación administrativa para acurtar os tempos de tramitación mantendo as garantías ou con medidas para impulsar a firma de PPAs. Grazas a estes instrumentos empresas como Alcoa ou Showa Denko teñen enriba da mesa contratos cun prezo eléctrico máis competitivo. Neste sentido, pediu a prórroga dos prazos establecidos polo Goberno para garantir a correcta avaliación dos proxectos eólicos vinculados ás PPAs da industria electrointensiva. Deste xeito, coa implicación do Estado, poderíase garantir a execución de proxectos renovables compatibles co territorio e facilitar á industria electrointensiva un prezo competitivo.
Na súa intervención, lembrou que o problema do custo da enerxía eléctrica é anterior á guerra de Ucraína, que se está vendo agravado polos prezos do gas natural e que se trata dunha situación extensiva xa ao resto da industria, sectores económicos e familias. Isto está provocando a perda de competitividade por parte das empresas españolas que pagan oito veces máis polo MWh que outros países veciños como Francia que están implantando medidas específicas.