O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explica que o Goberno galego renovou as carpinterías exteriores dos CEIP O Salvador e de Bretoña, ademais de illar as cubertas, instalar iluminación LED e incrementar a accesibilidade en ambos colexios
A Pastoriza, 11 de outubro de 2022. A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades executou obras de mellora da eficiencia enerxética no CEIP O Salvador e o CEIP de Bretoña, no concello da Pastoriza, ás que destinou 438.000 euros -229.300 euros no caso do primeiro e 208.700 no segundo-.
O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, comprobou hoxe o resultado dos traballos realizados en ambos centros, entre os que destaca a substitución de portas e ventás exteriores por outras de carpintería de aluminio con rotura de ponte térmico e vidros de dobre acristalamento baixo emisivos, acústicos, con cámara de aire intermedia e apertura oscilobatente para facilitar a ventilación. Tamén se renovaron as caixas de persianas.
Do mesmo xeito, nos dous casos incorporouse illamento á cuberta e cambiáronse as luminarias por outras tipo LED de menor consumo, con regulación da luz e detectores de presenza.
Tamén se colocaron falsos teitos en aseos, almacéns e cociñas e pintáronse os paramentos interiores afectados polas obras. Ademais, en ambos colexios mellorouse a accesibilidade no exterior, instalando ramplas de formigón con varandas de aceiro.
No caso do CEIP de Bretoña, o proxecto incluíu a colocación de falso teito acústico en aulas, biblioteca e corredores e a substitución de portas no interior do edificio. Pola súa banda, no CEIP O Salvador tamén se instalou falso teito acústico en aulas e biblioteca, así como no comedor e no corredor da primeira planta; e substituíronse baixantes en mal estado.
Arias destacou que estas actuacións enmárcanse dentro do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia, que ten por obxecto acadar unhas infraestruturas educativas máis confortables, máis innovadoras e máis sostibles desde o punto de vista medioambiental.
Con cargo a este Plan, a Consellería ten en marcha na provincia de Lugo 31 actuacións¸ que prestan especial atención aos centros dos concellos rurais, e que suman un importe de 16,9 millóns de euros e atópanse en diferentes fases de execución.