A conselleira do Mar chama ao conxunto da cidadanía galega a apoiar a un sector fundamental para a economía de Galicia e que mañá se vai mobilizar en Ribeira contra unha medida que se adoptou en base a datos parciais e sen actualizar
A representante do Executivo galego aclarou que esa mesma análise vai ser enviada tamén ao Goberno central co obxectivo de fortalecer o recurso que o Estado vai presentar contra o regulamento de execución publicado o pasado 19 de setembro no Diario Oficial da Unión Europea.
Rosa Quintana salientou que o domingo entra en vigor a prohibición de faenar en certas zonas de augas comunitarias, o que vai provocar que moitos buques de capital galego teñan que desprazarse a áreas nas que xa hai outros pesqueiros traballando e que tamén se van ver prexudicados polo solapamento de espazos de pesca.
Por iso, a conselleira apelou á necesidade de que o Goberno central presente canto antes o recurso contra esta medida, solicite a suspensión temporal da súa aplicación e realice de xeito paralelo as xestións políticas pertinentes co obxectivo de acadar unha moratoria. Tanto a suspensión temporal como a moratoria, dixo, permitirían gañar tempo para revisar a medida cos últimos informes científicos e socioeconómicos dispoñibles e que a frota poida salvar a campaña de Nadal.
A titular de Mar subliñou que a Comisión Europea debería reflexionar sobre o modelo de xestión pesqueira que está levando pois provoca a concentración de buques nos mesmos caladoiros, o que pode derivar nunha sobreexplotación dos recursos e que especies que están en bo estado biolóxico poidan chegar a estar en risco.
Nesta liña, incidiu en que os pescadores son os primeiros interesados en practicar unha pesca sustentable, pois é a base do seu futuro, e que sempre estiveron comprometidos co cumprimento de todas as normativas que inciden na súa actividade. Neste sentido, lembrou que a maioría de stocks nos que faena a frota galega se atopan en bo estado e que o sector pesqueiro sempre mostrou o seu compromiso coa sociedade traballando incluso nos momentos máis difíciles -como a pandemia da covid-19- para ofrecer alimentos de calidade aos consumidores.
Rosa Quintana asegurou que é de xustiza que a frota teña seguridade xurídica e que o conxunto da cidadanía apoie aos pescadores ante unha medida totalmente inxusta e adoptada de xeito unilateral, sen consultar aos principais afectados e baseándose en datos parciais e sen actualizar.
Apoio da sociedade
Por iso, pediu ás galegas e galegos que apoien ao sector nestes difíciles momentos -dado o veto vai impactar no conxunto da economía de Galicia- e animounos a participar mañá na concentración que se vai celebrar en Ribeira en apoio ao sector pesqueiro e contra o veto aprobado por Bruxelas. “Estamos ante un sector responsable e comprometido coa sociedade, polo que debe recibir todo o noso apoio na defensa dos seus intereses, porque é fundamental para Galicia”, concluíu.
O veto á pesca de fondo decretouse sen a debida consulta ao sector e aos países implicados, un feito polo que onte mesmo o Parlamento Europeo solicitou a súa revisión. Rosa Quintana apelou a que a Comisión Europea escoite o clamor que hai en contra desta medida, rectifique e inicie unha consulta exhaustiva a todas as partes implicadas.
A conselleira do Mar estivo acompañada na xuntanza polo director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, e nela participaron representantes das principais asociacións da frota así como xuristas especializados neste tipo de cuestións da Fundación MarInnLeg e do Instituto de Estudos Europeos Salvador de Madariaga da Universidade da Coruña.