Salienta que nos 9 concellos da provincia lucense o Instituto de Estudos do Territorio identificou 247 edificacións de carácter privado, 57 inmobles empresariais, 9 instalacións deportivas e 1 cemiterio no dominio público marítimo-terrestre
Logo de salientar que preto de medio cento de representantes municipais participaron nestes encontros, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, lembrou que este luns, 17 de outubro, remata o período de consulta pública previa da que prevé ser a primeira norma autonómica nesta materia cuxos obxectivos principais son autogobernar o noso litoral e regular a costa desde unha tripla perspectiva; ambiental, social e económica.
“Queremos ofrecer seguridade xurídica para as empresas que operan xa no litoral ou para aquelas que se queiran implantar na costa”, incidiu Ángeles Vázquez na reunión, na que estivo acompañada no encontro polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e pola secretaria xeral técnica da Consellería, Carmen Bouso.
Cómpre lembrar que os sucesivos cambios levados a cabo polo Goberno central desde 2018 na normativa de Costas poñen en risco en toda a Comunidade ao redor de 4.000 edificacións en dominio público marítimo terrestre (DPMT), das que 339 están na provincia de Lugo.
Nesa liña, a conselleira incidiu en que nos 9 concellos da provincia lucense o Instituto de Estudos do Territorio identificou como afectadas: 247 edificacións de carácter privado, 57 inmobles empresariais ou industriais, 9 instalacións deportivas e 1 cemiterio.