Trátase dunha actividade promovida pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda co apoio da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, para dar a coñecer entre a mocidade galega as boas prácticas agrarias e medioambientais que sobreviviron transmitíndose de xeración en xeración
Cervantes, 25 de outubro de 2022. A Xunta de Galicia acaba de impulsar o novo programa educativo Mestres Gandeiros, dirixido a centros de ensino de infantil, primaria, secundaria e bacharelato, co obxectivo de achegar á comunidade escolar ao mundo rural e dar a coñecer o papel que xogan os seus habitantes como xestores da paisaxe e da biodiversidade que os rodean.
O director do Instituto de Estudos do Territorio (IET), Enrique de Salvador, acompañado pola subdirectora xeral de Ordenación, Inclusión e Innovación Educativa, Inmaculada Fernández, visitaron hoxe o CPI de Cervantes para coñecer de primeira man como se está a desenvolver a iniciativa neste colexio, un dos 21 centros que se inscribiron para participar este curso na primeira edición de Mestres Gandeiros.
En concreto, unha trintena de rapaces de entre 3 e 16 anos que cursan estudos no centro, e a totalidade do seu profesorado, composto por 16 docentes, participan de forma activa no proxecto, que se desenvolverá potenciando o traballo colaborativo e interdisciplinar a través de diferentes actividades, entre elas, a realización dun podcast con entrevistas a gandeiros da zona, unha exposición de cogomelos, ou un proxecto de horta ecolóxica nas instalacións do propio colexio.
Cómpre subliñar que Mestres Gandeiros é unha actividade promovida pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a través do IET, e se enmarca no Plan Proxecta da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, que busca facilitar a integración de certos programas educativos no ensino non universitario.
Tal e como explicou Enrique de Salvador durante a súa visita ao CPI de Cervantes, o obxectivo co que naceu esta iniciativa —que xorde do proxecto europeo Biogov para a protección da biodiversidade e ten Os Ancares como zona piloto en Galicia— é dar a coñecer entre nenos e mozos as boas prácticas agrarias e medioambientais que sobreviviron no rural galego, transmitíndose de xeración en xeración.
Neste sentido, o director do IET fixo fincapé no “carácter enriquecedor” da experiencia, xa que pola súa propia dinámica, implicará a profesores, familias, alumnos, agricultores e gandeiros nun mesmo proxecto a través da realización dunha serie de entrevistas, encontros e proxectos de investigación co fin de transmitir o coñecemento e as boas prácticas agrarias que a poboación rural leva a cabo no seu día a día como xestora da biodiversidade e da paisaxe ou ante a necesidade de adaptación ao cambio climático.