A alerta estaba xa activa na provincia de Pontevedra e no oeste e suroeste da Coruña a partir do mediodía de hoxe
Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), a ampliación do fenómeno meteorolóxico adverso de nivel laranxa no noroeste da provincia da Coruña comezará nas últimas horas de hoxe con vento do sur ou suroeste de forza 8, ocasionalmente 9 entre Ortegal e Bares, e mar combinada do oeste ou suroeste con ondas de ata 6 metros, e temporalmente de ata 7 metros entre Vilán e Sisargas.
Pola súa banda, no litoral de Lugo a alerta activarase a primeiras horas de mañá domingo con vento do suroeste forza 8 ao oeste de Burela e mar combinada do oeste ata 6 metros en Bares e mar adentro.
A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes, paseos marítimos. Tamén se recomenda que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.
Ademais, aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese.