A pista renovarase por completo e actuarase tamén nas gradas, cun investimento total de 64.000 euros
Lugo, 3 de outubro de 2022. A Vicepresidencia da Deputación de Lugo e o Concello da Pastoriza asinaron un convenio para realizar melloras no pavillón polideportivo municipal.
As actuacións previstas inclúen a instalación dun pavimento sintético e adaptado á diversidade da práctica deportiva que se ven desenvolvendo na pista, que se redefinirá para facilitar o acceso do público ás bancadas superiores. Tamén se farán melloras nas escaleiras e nas bancadas, ademais de poñer redes de protección tras as porterías.
A tenente alcalde da Pastoriza, Elva Carrera, explicou que “este investimento permitiranos renovar unhas instalacións moi empregadas para adestramentos e competicións tanto de deporte escolar como do futbol sala feminino, e tamén por alumnado do colexio e veciñanza en xeral” e incidiu na necesidade de “corrixir algunhas deficiencias que o edificio ven arrastrando desde a súa construcción, como a ubicación da pista, con dúas columnas no fondo que dificultan o acceso á grada”
O deputado de Deportes Efrén Castro enmarcou “o convenio na colaboración que desde a Vicepresidencia da Deputación de Lugo se ven mantendo cos concellos para mellorar as súas infraestruturas deportivas e garantir uns espazos públicos que faciliten o achegamento do deporte a toda á veciñanza” e incidiu “na importancia destes servizos nos concellos rurais”.
O convenio contempla un investimento conxunto de 64.000 euros e financiará tamén a renovación do canalón da fachada, xa realizado por parte do Concello da Pastoriza.