O dispositivo estará diante do Centro de Saúde de Burela o martes 4 de outubro de 11 a 13 horas
A Mariña, 2 de outubro de 2022. A Plataforma sanitaria da Mariña desplazará o seu dispositivo móbil de axuda coas reclamacións (UMAR) ao centro de saúde de Burela o vindeiro martes 4 de outubro, no seu horario habitual, de 11 a 13 horas. Nesta ocasión redactaranse reclamacións colectivas en demanda dun servizo de pediatría ao completo, que remate coa insostible situación que están a vivir as familias e a única pediatra que hai.
O centro de saúde de Burela está dotado con dúas profesionais de pediatría, máis desde hai tempo, coa marcha dunha delas cara a outro destino, quedou unha soa pediatra para atender unhas mil cincocentas nenas e nenos que viven en Burela. Esta sobrecarga de traballo, insostible para unha soa profesional, veuse incrementada nestes días pola ausencia da pediatra que atende os concellos de Xove e Cervo. A situación que se está a vivir é moi grave, posto que non se pode garantir unha asistencia pediátrica de calidade, malios titánicos esforzos que está a realizar a profesional e que probablemente tamén están a repercutir na súa saúde. Segundo nos comenta Montse Porteiro, a coordinadora do colectivo, “o lóxico malestar das familias pola situación xa derivou en reclamacións das mesmas, polo que esta plataforma quere porse a disposición das e dos veciños de Burela para denunciar públicamente esta problemática”.
Os concellos de Barreiros, Lourenzá e Mondoñedo sufrn tamén a falta de pediatra
Segundo nos trasladan algunhas familias, a falta de pediatras está a afectar tamén a Barreiros, Lorenzá e Mondoñedo desde que a titular de pediatría accedeu a outro destino por un proceso de traslados. Nestes momentos non hai pediatra nestes concellos, polo que non se están a facer as revisións periódicas dos neonatos nin tampouco noutras idades, situación que este colectivo cualifica como gravísima, “posto que son @s pediatras quen ten que atender ás crianzas, non @s médic@s de familia, que por outra banda están tamén en claro déficit”.
O colectivo sanitario realizará tamén unha recollida de sinaturas en apoio da ILP para salvar a Atención Primaria
Simultáneamente á redacción de reclamacións colectivas demandando cobertura total e continuada do servizo de pediatría, a Plataforma Sanitaria da Mariña levará a cabo unha recollida de sinaturas en apoio da ILP de medidas urxentes para recuperar e fortalecer a Atención Primaria. Esta iniciativa parlamentaria precisa da recollida dun mínimo de dez mil sinaturas para poder ser debatidas no Parlamento, e xa levamos moitísimas na comarca, dada a excelente acollida que tivo esta campaña entre mariñás e mariñaos.
Desde este colectivo animamos a todas as veciñas e veciños a que se acheguen ata o centro de saúde de Burela para cumplimentar a reclamación demandando un servizo de pediatría completo e continuado, así como tamén a asinar esta iniciativa que pretende dotar de persoal e medios a Atención Primaria. As e os activistas sanitarios conclúen manifestando que “a falta de pediatras é unha cuestión moi grave e que non só afecta ás familias con crianzas , senón tamén a toda a comarca, posto que é un indicativo máis da precaria situación pola que está a pasar a sanidade pública e a atención primaria; por iso tamén todas as persoas da Mariña deberiamos asinar esta ILP en defensa da Atención Primaria”.