Site icon Crónica3.com A Mariña

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Mariña amosa o seu total apoio ao sector do mar e sumarase ás mobilizacións e reivindicacións que se determinen

A Mariña, 7 de outubro de 2022. Diante de inminente entrada en vigor da decisión da Comisión Europea de vetar a toda a pesca de fondo en 87 áreas da costa do Estado español, Portugal, Francia e Irlanda, expulsando dos caladoiros tradicionais a preto dun milleiro de barcos, dos cales uns 200 son pesqueiros galegos cun cincuenta por cento deles con orixen na Mariña, a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Mariña quere amosar o seu total apoio ao sector do mar e sumarse ás mobilizacións e reivindicacións que se determinen.

Debemos lembrar que a frota pesqueira mariñá cumpre escrupulosamente todas as normativas ás que está suxeita, malia ser un sector enormemente castigado polas directrices europeas, que relega á frota galega e mariñá a faenar nunhas condicións de clara desventaxa respecto a outros lugares da Unión Europea. A maiores, esta decisión de Europa de vetar a pesca de fondo aos nosos barcos sería un ataque máis a unha comarca azotada polo desmantelamento da súa industria, o abandono no que sumiron á gandeiría e ao sector agrícola os responsables políticos e o “desguace” que a nosa sanidade pública está a sufrir, agravada polo golpe mortal que produciu supresión da área sanitaria da Mariña.

Non podemos esquecer que este novo golpe para a comarca significaría a perda de preto dun milleiro de postos de traballo directos e da industria relacionada, cifra que nos colocaría á altura dos postos de traballo do sector do aluminio.

Exit mobile version