Ribadeo, 7 de outubro de 2022. A obra 337 km, do autor Manuel Benito e que trata sobre o síndrome de Asperger, estreouse en febreiro deste ano no teatro Quique San Francisco, de Madrid, onde recibiu moi boas críticas. A continuación empezou a xira e o día 15 deste mes, sábado, ás 20:00 horas representarase no auditorio municipal Hernán Naval, de Ribadeo. É unha produción da compañía madrileña La Belloch Teatro, o director é Julio Provencio e os intérpretes son os recoñecidos actores Lidia Navarro, Néstor Goenaga e Clemente García.
Lidia Navarro comezou a súa carreira artística en 1995 e desde entón participou en numerosas representacións teatrais e películas así como en series de televisión tan coñecidas como Farmacia de Guardia, El Comisario, Al salir de clase, Hospital Central, Amar en tiempos revueltos, Cuéntame como pasó, La que se avecina ou El secreto de Puente Viejo.
Clemente García leva sobre os escenarios desde o ano 2001 e traballou en diversas obras teatrais, películas e series de televisión como Hospital Central ou Los Serrano.
E Néstor Goenaga empezou en 2016 a su carreira de actor que desenvolve en teatro, cine e televisión, onde participou en series como Intimidad ou La línea invisible.
As entradas xa están á venda na web de Game Over Productions (www.gameoverpro.es) e tamén poderán comprarse na taquilla do auditorio municipal ribadense desde unha hora antes da función. O prezo é de 14 euros (IVE incluído).
O protagonista de 337 km é Tonín, un neno madrileño de 9 anos ao que lle foi diagnosticado Síndrome de Asperger cando tiña 6. A súa nai, Gloria, ten que ausentarse de casa porque ao seu pai (é dicir, ao avó materno de Tonín) quédalle pouco tempo de vida e quere despedirse del. Para poder ir a Asturias, Gloria decide que o mellor é deixar a Tonín co seu pai, de volta na cidade tras o divorcio hai xa varios anos. Como Tonín non coñece a Javier, xa que non o ve desde hai varios anos, non é capaz de entender quen é e que fai aí, ou sequera que significa o termo pai. Sacar a Tonín da súa rutina diaria faille entrar nun estado de ansiedade pouco habitual. Os pais de Javier, que si viven en Madrid e ocupáronse do seu neto, tratan de controlar a situación, pero a eles tamén se lle vai das mans. Tonín refúxiase no seu tema preferido -a carreira espacial- para tratar de asimilar os cambios, ao mesmo tempo que Javier segue unha carreira contrarreloxo para recuperar o afecto do seu fillo ao longo dos 10 días que estará ausente Gloria.