A Mariña, 20 de outubro de 2022. Por Valadouro, Lourenzá, Trabada e Foz seguirá A Mariña en Ruta en novembro. A Mancomunidade ven de presentar os roteiros do vindeiro mes para os que está aberta a inscrición
O 1 de novembro terá lugar a Ruta dos Pozos, no Valadouro. Os participantes poderán percorrer a ribeira do río Ferreira, onde se encontra a fermosa fervenza do Pozo da Onza e todo o seu entorno poboado de flora e fauna autóctona. Esta actividade estará guiada por Pedro Rolle.
O día 5 A Mariña en Ruta seguirá con O Conde Santo e o fenómeno medieval da peregrinación (Lourenzá). Esta ruta que mestura a cultura e a natureza da man de Lidia de la Fuente levará aos participantes polas terras do antigo Mosteiro de San Salvador de Lourenzá, dende a igrexa de San Salvado, onde se atopa o sarcófago do Conde Santo, ata o Pazo de Tovar, símbolo de poder dos señores feudais galegos na Idade Media. Unha ruta que permitirá afondar tamén na orixe dos camiños de peregrinación.
O 12 de novembro: Trabada, camiñando ao pasado (Trabada). Coñecer a historia e o pasado de Trabada será posible con esta ruta, da man de Manuel Anllo, que inclúe a visita ao Museo Etnográfico Xosé Rocha e a ruta de sendeirismo PR-G 85 ruta da Fraga da Vilapena.
Xa para o día 19 está programada unha visita ornitolóxica á ría de Foz. Con esta actividade os participantes terán a oportunidade de descubrir as aves máis icónicas deste paraxe natural que nesta época do ano acolle interesantes poboación de aves acuáticas tanto migratorias como invernates. A visita será guiada por Saúl Román, que é ornitólogo local.
E o 26 de novembro rematará esta nova edición de A Mariña en Ruta con A vida aos pés da Ría de Foz-Masma (Barreiros). Da man de Sofía López os asistentes realizarán un percorrido guiado circular ao lado da Ría de Foz-Masma en Barreiros. Espazo de gran beleza paisaxística na que se percorrerán paisaxes tan diversos como un sistema dunar, a propia ría e a súa biodiversidade, ademais dos aproveitamentos humanos deste recurso, elementos do patrimonio etnográfico e da micro toponimia do entorno.
A cuarta edición de A Mariña en Ruta daba comezo o pasado 8 de outubro. Trátase dun proxecto promovido pola Mancomunidade de Concellos coa colaboración da Xunta de Galicia e da Deputación de Lugo.
A información sobre a rutas e as reservas de prazas realizarase de forma automática a través da web de Turismo de A Mariña Lucense https://amarinalucense.gal/es/a-marina-en-ruta Email: enruta@amarinalucense.gal e o teléfono +34 690 61 47 49.
Dous roteiros en outubro
En outubro aínda quedan dous roteiros pendentes: un por Alfoz e outro por Burela. Bateando ouro en Alfoz será este vindeiro sábado, 22 de outubro. Unha actividade coa que descubrir a historia da Mariña Lucense en relación á explotación aurífera e onde aprender a técnica do bateo que se utiliza desde as culturas prerromanas. Será da man do xeólogo Fran Canosa.
E o 29 de outubro: Burela, de asentamento castrexo a vila medieval. Con Lidia de la Fuente. Unha ruta peonil no centro urbano de Burela e á beira do mar, que lles permitirá aos participantes viaxar no tempo desde o seu orixe prehistórico ata converterse nun dos principais portos do Cantábrico.
Experiencias de Turismo Slow
Así mesmo do 22 de outubro ao 12 de novembro en Cedeira, Barreiros, Foz, nas Fragas do Eume ou a carón do río Sor terá lugar o programa Experiencias de Turismo Slow. Son seis propostas relacionadas co benestar e a natureza, que se desenvolverán nos territorios da Mariña Lucense e Ferrolterra-Rías Altas, que de xeito conxunto conforman o proxecto Turismo Slow Norte de Galicia.
Na Mariña Lucense haberá do 28 ao 30 de outubro un obradoiro de fotografía creativa e slow con pernoita no Hotel Rías Altas, en Barreiros, e da man de Xaora Fotógrafos. E do 4 ao 6 de novembro na casa rural Os Tres Teixos, en Foz, está deseñado un programa de crecemento persoal da man de Ana Saiz, psicóloga, acompañante emocional, terapeuta e escritora.
Toda a información e reservas das actividades poden realizarse en https://www.reservaonline.support/turismoslow/index.html