Site icon Crónica3.com A Mariña

A EMMeD de Ribadeo iniciou o curso con 371 alumn@s matriculados

Ribadeo, 20 de outubro de 2022. A Escola Municipal de Música e Danza (EMMeD) de Ribadeo vén de iniciar o curso 2022/2023 con 371 alumnos e alumnas matriculados, unha cifra superior con respecto ao curso pasado, e que fai da EMMeD de Ribadeo o centro destas características con maior número de persoas matriculadas na comarca da Mariña e no Occidente asturiano.

O claustro docente da EMMeD de Ribadeo estará formado por 13 profesores e profesoras, un por cada unha das disciplinas que oferta o centro, o que garante que o alumnado disporá dunha “atención especializada en cada unha das materias que imparte a Escola”, segundo apunta Hugo García Presno, responsable da EMMeD de Ribadeo.

Neste novo curso o centro comeza coa vontade de estar presente na vida comunitaria e asociativa de Ribadeo na medida do posible. García Presno indicou que “neste curso recuperaremos algunhas das actividades que habitualmente faciamos antes da pandemia, para mostrar o traballo do alumnado e profesorado ao longo do ano e dar visibilidade ao centro”.

O responsable da EMMeD de Ribadeo, amosa a súa “satisfacción porque o número de persoas matriculadas sexa moi elevado, o que demostra que o traballo que facemos dende a Escola se está percibindo como positivo por parte do alumnado que repite e tamén polo conxunto da cidadanía, o que fai que novos alumnos e alumnas se animen a formar parte do centro”. García Presno destaca que “tanto o proxecto educativo, unha combinación de ensino teórico con moitas actividades prácticas, coma o plantel docente son as claves para entender o crecemento constante da Escola dende o mesmo momento da súa fundación da man de Hernán Naval”.

E engade: “o máis positivo é seguir mantendo o proxecto, artellar un centro vivo no que se fomente unha educación transversal, no que as alumnas e alumnos non só aprendan conceptos teóricos senón que poidan amosalos enriba do escenario, compartir experiencias con outros centros, participar en actividades que vaian máis aló da música e da danza que axuden a integrar a igualdade, a solidariedade ou o traballo en común no día a día da EMMeD”.

Hugo García agradeceu o apoio “tanto do claustro da Escola como do Concello de Ribadeo. É clave o apoio institucional para poder tirar adiante o proxecto da Escola e a súa actividade. E tamén é moi importante contar cun corpo de profesores e profesoras que crean no proxecto e que estean comprometidos, como é o caso”.

Exit mobile version