Site icon Crónica3.com A Mariña

A Corporación Municipal de Burela ratifica no pleno o apoio unánime ao sector pesqueiro ante o veto da Comisión Europea

Ademais foi aprobado o proxecto da obra complementaria da EDAR, pendente do convenio a asinar entre Augas de Galicia, Portos de Galicia e Concello de Burela

Burela, 7 de outubro de 2022. A Corporación Municipal do Concello de Burela aprobou por unanimidade na sesión plenaria celebrada este xoves o apoio ao sector pesqueiro tras o veto da Comisión Europea á pesca de fondo, refundindo as mocións que levaban cada un dos grupos municipais e aprobando todos os puntos dos acordos.

PSOE, PP e BNG presentaron para a súa votación tres mocións que se debateron en conxunto, saíndo adiante todas as propostas, que sinalaban ao total apoio ao sector pesqueiro galego ante un novo ataque das institucións comunitarias co veto da Comisión Europea á pesca de fondo.

A Corporación aprobou o apoio ao recurso do Goberno de España reiterando a urxente necesidade de solicitar que a CE rectifique e anule o novo Regulamento UE 2022/1614 que veta a pesca de fondo en 87 zonas do Atlántico Nororiental. Así, o Concello de Burela demandará da Xunta de Galicia que apoie as medidas e accións solicitadas polo executivo estatal procedendo á revisión inmediata e actualización dos datos científicos, solicitando así mesmo que presente un recurso ante a xustiza europea contra dito regulamento.

En definitiva, os tres grupos estiveron de acordo en defender a flota pesqueira galega de artes de fondo esgotando todas as vías posibles e iniciando o proceso de reclamación, tamén pola vía xudicial, contra a decisión da CE.

Na sesión plenaria de outubro tamén se aprobou o inventario e catálogo de bens, polo que se resolveron alegacións de temas pendentes e abriuse un período dun mes para a probación final.

Tamén foi exposta a modificación puntual do PXOM, incluíndo a sentenza da denuncia colectiva de propietarios para anular a consideración dalgunhas vivendas como patrimoniadas. “Algunhas propiedades históricas ou de características singulares contaban coa protección de Patrimonio e así se contemplaban no PXOM, pero os propietarios fixeron unha denuncia e a xustiza deulles a razón, polo que incorporamos esa corrección e aprobamos inicialmente a modificación, que terá un período de 2 meses para posibles alegacións”, afirmou o alcalde de Burela, Alfredo Llano, indicando que “é un documento moi complexo que presentamos ao pleno actualizado e que aínda temos dous meses para revisar antes da súa aprobación definitiva”.

Outro dos puntos sometidos a debate foi o da obra complementaria da EDAR de Burela, aprobando o proxecto despois do período de alegacións pertinente, así como os puntos aos que se compromete o concello para facilitar a obra mediante un convenio con Augas de Galicia e Portos de Galicia, aínda pendente de asinar.

Exit mobile version