As novas instalacións para biorresiduos de Cervo darán servizo a 15 concellos lucenses e será a segunda das catro plantas impulsadas pola Xunta en poñerse en marcha
Así o avanzou esta mañá en Cervo a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, quen visitou os terreos do municipio onde se está a construír a nova planta de biorresiduos, cuxas obras avanzan a bo ritmo coa previsión de que estean rematadas a finais deste mesmo ano.
Precisamente a responsable autonómica subliñou que desta partida orzamentaria, 27 millóns de euros se reservarán a construír e rematar a rede de instalacións para o tratamento dos biorresiduos, é dicir, a materia orgánica incluída no lixo urbano.
Neste sentido, Ángeles Vázquez subliñou que o orzamento que destinará o seu departamento ao eido dos residuos reafirma a súa aposta pola Galicia verde e o apoio do Goberno autonómico aos concellos como administracións responsables de xestionar os residuos domésticos e cumprir cos obxectivos e directrices da UE nesta materia.
En concreto, adiantou que en 2023 a Xunta volverá convocar subvencións dirixidas ás entidades locais co fin de axudalas a mellorar e converxer cara aos obxectivos europeos neste eido. Así, porá á súa disposición preto de 19 millóns de euros en diferentes liñas de incentivos para a construción de puntos limpos, iniciativas de compostaxe da fracción orgánica ou o tratamento doutro tipo de residuos, como poden ser téxtiles, aceites, etc.
Ademais, tamén cifrou en 9,7 millóns de euros o investimento previsto o próximo ano para a execución de obras de mellora da eficiencia enerxética no complexo medioambiental de Sogama en Cerceda e consolidar a súa posición de referencia en Europa.
A estas contías previstas nos orzamentos do vindeiro ano, tal e como subliñou a conselleira, haberá que sumar outro fito importante nesta materia: a aprobación da nova Lei do clima galega en 2023. Así, Ángeles Vázquez explicou que esta norma será un instrumento clave para avanzar no cumprimento dos obxectivos máis ambiciosos fixados pola UE no eido da loita contra o cambio climático, un camiño no que a xestión eficiente dos residuos será fundamental.
A segunda planta de biorresiduos
As instalacións de Cervo, cuxa construción foi adxudicada por preto de 6,4 millóns de euros, ocupan unha parcela de case 8.000 m2 e darán servizo a un total de 15 concellos —14 da Mariña lucense, ademais de Mañón—, que aglutinan a máis de 69.300 habitantes.
A de Cervo será a segunda planta de biorresiduos que entre en funcionamento das catro previstas pola Xunta, xa que a previsión é que as obras estean rematadas este mesmo ano. A primeira, xa operativa, é a de Cerceda e as outras dúas son as proxectadas en Verín (Ourense) e Vilanova de Arousa (Pontevedra).
O obxectivo é que as catro instalacións de compostaxe que integran a Rede de infraestruturas autonómicas para a valorización da materia orgánica e as 13 plantas de transferencia nas que se apoiarán —cun investimento de 43 millóns de euros do Goberno galego— reciban un pulo definitivo en 2023 e vaian entrando en servizo de forma paulatina.