Site icon Crónica3.com A Mariña

A cidadanía esgotou en tres días os bonos da campaña da Xunta para activar o comercio, con máis de 800 negocios adscritos na provincia

O delegado territorial da Administración galega, Javier Arias, destaca que ata finais de novembro poden seguir sumándose novos establecementos

Lugo, 27 de outubro de 2022. Máis de 800 establecementos da provincia de Lugo xa se sumaron á segunda edición da campaña Bono Activa Comercio da Xunta, que esgotou os bonos entre a cidadanía nos tres primeiros días desde que abriu o prazo para solicitalos, o pasado luns.

Así o explicou hoxe o delegado territorial da Administración autonómica, Javier Arias, que xunto ao presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, visitou tres das máis de 240 tendas adscritas na capital lucense. Arias destacou que ata o 30 de novembro poden seguir inscribíndose novos locais desde a páxina web bonosactivacomercio.gal onde tamén poden consultarse os negocios participantes.

No caso dos clientes, cada un dispón dun bono de 30 euros que terá a oportunidade de utilizar ata o 31 de decembro nos negocios adheridos.

Como novidade, este ano amplíanse os tramos de desconto e os importes, de tal xeito que para compras a partir de 20 euros e inferiores a 30, o desconto será de 5 euros; para compras a partir de 30 e inferiores a 50, será de 10 euros; e para as que superen os 50 euros será de 15.

Arias destacou o éxito da segunda edición desta medida da Xunta, que busca “atraer clientela aos negocios locais nunhas datas especialmente importantes para o comercio”. Apuntou que na mesma liña a Administración galega ten en marcha outras medidas para incentivar as vendas a nivel local, como o Bono Cultura, que os consumidores poderán descargar a partir do 2 de novembro.

Por último, o delegado afirmou que os orzamentos do vindeiro ano reflicten o compromiso do Goberno galego co sector, destinando 24 millóns de euros para seguir impulsando a competitividade do comercio de proximidade. Nese sentido, sinalou que a Xunta seguirá apostando pola dixitalización, a formación e novos mecanismos de cooperación, como un hub específico de innovación comercial.

Exit mobile version