A Deputación de Lugo impulsa este programa de rutas gratuítas, no que dende hoxe e ata venres participarán veciños e veciñas de Ourol, O Saviñao, Antas de Ulla, Cospeito, Castro de Rei e Ribadeo
Lugo, 4 de outubro de 2022. A veciñanza de seis concellos da provincia participará esta semana no programa Coñece a túa provincia da Deputación de Lugo. Son en total unhas 140 persoas dos municipios de Ourol, O Saviñao, Antas de Ulla, Cospeito, Castro de Rei e Ribadeo as que, dende este martes e ata o venres, percorrerán o territorio lucense grazas ás viaxes gratuítas que impulsa a institución provincial para colectivos sen ánimo de lucro.
Este martes, a Asociación Cultural, Recreativa e Deportiva Aturuxeiros de Bravos, de Ourol, e a Asociación de Veciños do Saviñao viaxaron a Cervantes e Navia de Suarna e á Terra Chá, respectivamente. Os mariñaos coñeceron o Pazo de San Marcos antes de facer un percorrido pola aldea do Piornedo e a localidade de Navia de Suarna, onde tamén se achegaron a unha fábrica de embutidos. Os do Saviñao fixeron unha parada no Mazo de Santa Comba e continuaron a viaxe cara o castro de Viladonga, en Castro de Rei; o Pedregal de Irimia, a Igrexa de Santa María de Meira e a lagoa de Fonmiñá, na Pastoriza.
O xoves, a Asociación de Pais de Alumnos do Colexio Público de Antas de Ulla coñecerá a produtora de audiovisuais para despois poñer rumbo aos concellos de Xove e Viveiro, onde visitarán o faro de Punta Roncadoira, o Souto da Retorta ou o centro histórico viveirense. Tamén nesta xornada, a Asociación de Xogos Tradicionais de Muimenta (Xotramu), de Cospeito, visitou o Pazo de San Marcos para despois poñer rumbo a Navia de Suarna e Cervantes.
Xa o venres viaxará a Asociación Cultural Ignacio Rey Stolle, de Castro de Rei, e a Asociación Cultural a Tribo da Travesía, de Ribadeo. Os chairegos coñecerán a Granxa Gayoso e posteriormente achegaranse á Costa, onde visitarán o paseo marítimo de Barreiros, a praia das Catedrais, Rinlo e o centro histórico de Ribadeo. Os ribadenses porán rumbo ao Courel tras visitar o Centro de Interpretación Terras do Miño cunha visita á aula da Natureza de Moreda, na Devesa da Rogueira, ou á Fundación Uxío Novoneyra.
Na segunda edición deste programa de viaxes da institución provincial, que comezou na primavera, xa se beneficiaron máis de 1.800 persoas. Este outono son 55 as asociacións e colectivos lucenses os que contan coas súas reservas para viaxar pola provincia ata o mes de novembro.
O programa Coñece a túa Provincia inclúe, de balde, o transporte para os traslados de ida e volta dende o lugar ou lugares de orixe, póliza de seguros de viaxeiros, menú de xantar, e entradas e visitas a diferentes lugares de interese da provincia de Lugo. Estas visitas realízanas profesionais que contan coa habilitación de guía oficial de turismo de Galicia e persoal de atención ao público nos diferentes museos, empresas ou obradoiros sinalados nos itinerarios do programa.